Opinión

Redescubrindo a música tradicional

Haberá arredor de sete anos que coñecín a Manuel López, que lle chaman o Poso por ser deste lugar de Cervantes. Ben, para ser claros coñecín a súa música, porque el finou en 2001 con case 94 anos. Descubrino durante un Curso de Cultura Tradicional que Cántigas e Frores organiza en Lugo todos os anos, un impartido por Pablo Carpintero, e acabei centrando na súa música o meu Traballo de Fin de Estudos xusto o mesmo ano no que saíu do prelo un monográfico sobre el publicado por aCentral Folque.

E que é o que pasa logo co Poso? Cando falamos de “música tradicional” a todos nos vén unha determinada estética musical á cabeza, como se dicimos “música clásica”, “rock”, “pop” ou “electrónica”. Mais sempre que etiquetamos, remitimos para prototipos. Ben, pois a música do Poso ⎯e doutros moitos⎯ non ten nada que ver co prototipo de música tradicional de gaita que temos no maxín a maioría da xente.

Collía materiais musicais que tiña na cabeza, ía fiando neles e dándolles forma ao tocar e nunca repetía o mesmo dúas veces igual

O Poso foi un gaiteiro dos Ancares de moita sona que tiña un xeito de tocar único. Isto é por aquilo tan bonito que ten dito Dorothé Schubarth de que os informantes non son intérpretes, senón creadores. O Poso non tocaba unha peza aprendida previamente cunha estrutura fixa e unha melodía invariábel. El era, á parte dun virtuoso e un mestre do requinteo, un improvisador: collía materiais musicais que tiña na cabeza, ía fiando neles e dándolles forma ao tocar e nunca repetía o mesmo dúas veces igual, características que adoitamos asociar con músicas coma o jazz, que ⎯sorpresa⎯ teñen a súa orixe en músicas de tradición oral. Alén do estilo, Poso manexaba materiais melódicos particulares propios da súa zona, que poden verse noutros gaiteiros da contorna e tamén na música vocal, con sonoridades características e diferenciadas doutros lugares.

O resultado ao escoitar (código QR) ⎯e sobre todo ao estudar⎯ estes gaiteiros é unha sensación de redescubrimento da música tradicional para gaita, de que igual non é o conto como un o sabía. Mais cal é a razón disto?

En primeiro lugar, a idea de música tradicional que existe na sociedade está moitas veces estereotipada e correspóndese habitualmente con música folclorizada ⎯e non folclórica⎯, é dicir, adaptada mediante a súa simplificación (regularización de ritmos e compases, temperamento igual da afinación…) ou complexización (harmonización), a supresión daquilo que se considerar desagradábel, a exaxeración dos trazos máis “típicos” ou a procura da perfección técnica.

Un oasis a este respecto foron os “discos verdes” da colección Os nosos gaiteiros de Edicións do Cumio coa colaboración da Asociación de Gaiteir@s Galeg@s

En segundo lugar, desde os anos 70 do s. XX produciuse un revival da música de tradición oral na Galiza que na gaita conviviu co ámbito académico, principalmente desde que o instrumento entrou nos conservatorios en 1978. A partir deste momento apareceron na Galiza as primeiras publicacións de técnica e de repertorio para gaita, que incluían “música de autor” e “música tradicional”. Esta “música tradicional” abranguía, sobre todo ao primeiro, o repertorio de gaiteiros de ámbito urbano (máis folclorizado) ⎯fundamentalmente de cuartetos de gaitas⎯ e o dos cancioneiros, quedando desprazados gaiteiros e repertorios de ámbito máis rural (menos folclorizado). A aprendizaxe da gaita deixou de realizarse maioritariamente por transmisión oral e a música de gaita que se escoitaba eran discos ou cintas destes gaiteiros de ámbito urbano e de música folk. Se ben é certo que paralelamente houbo persoas dedicadas á gravación e estudo de gaiteiros coma o Poso, o material das recollidas que se facían era privado e, aínda que se difundía, non se publicaba.

Un oasis a este respecto foron os “discos verdes” da colección Os nosos gaiteiros de Edicións do Cumio coa colaboración da Asociación de Gaiteir@s Galeg@s, que publicaron a música destoutros gaiteiros rurais, como José Marentes ou Manuel Viqueira. Fixo tamén un traballo importante a TVG, coa sección de Mercedes Peón no Luar ou co Alalá, e hoxe en día contamos con proxectos coma o APOI (apoi.museodopobo.gal), que compila e fai pública unha inxente cantidade de recollidas, entre elas algunhas do Poso, ou a folkotecagalega.com, onde tamén hai material moi interesante sobre este gaiteiro.

Comentarios