Opinión

Os estudos oficiais de gaita de fol na Galiza

O pasado 12 de marzo debateuse unha proposta do BNG para incluír a gaita de fol en todos os conservatorios da Xunta, elementais/profesionais e superiores, e crear estudos musicais de posgrao de carácter oficial, nomeadamente relacionados coa música tradicional, mais non só. Esta proposta contou co apoio e unha construtiva emenda do PSOE mais co voto en contra do PP. Consideran os populares que non hai demanda e que abonda con que se oferte gaita nun conservatorio profesional da Xunta por provincia e nun único conservatorio superior público, porque “a educación pública non pode cubrilo todo en todos os sitios”. Pois ben, fagamos unha revisión rápida da situación. A gaita de fol está presente na Galiza en 4 dos 7 conservatorios profesionais (Ferrol, Lugo, Ourense e Vigo) e 1 dos 2 conservatorios superiores (Vigo) dependentes da Consellería de Cultura, Educación e Universidade. Alén disto, existen arredor doutros 16 conservatorios municipais ou privados, non dependentes da Consellería, que imparten algún ensino de gaita en todo o país. 

Non existen na Galiza estudos musicais de posgrao relacionados coa gaita de fol ou a música tradicional, mais isto dista de ser unha excepción: non hai no territorio galego ningún posgrao oficial relacionado coa música en ningunha das súas vertentes (interpretación, investigación, composición ou produción). A USC conta, iso si, cun Curso Avanzado de Especialización Orquestral impartido pola Escola de Altos Estudos Musicais de Santiago de Compostela, mais destínase só a instrumentistas de orquestra sinfónica e, ao ser un título propio da USC, non ten recoñecemento académico en oposicións ou para o acceso a programas de doutoramento. 

No entanto, si que existe a posibilidade nas universidades galegas de cursar doutoramentos en campos de investigación musicais, o que redunda na incoherencia de carecermos de estudos musicais de posgrao. Por exemplo, o departamento de Historia da Arte da USC conta con profesorado de música e cun grupo de investigación en Estudos Históricos de Música en Galicia.

Perante esta situación, desde a AGG facemos as seguintes consideracións:

Á parte de que semella lóxico pensar que un instrumento patrimonial para o pobo galego debería estar presente en todos os centros públicos xestionados polo goberno galego, no currículo galego do ensino de música elemental (Decreto 198/2007) e profesional (Decreto 203/2007) establécese que as especialidades ofertadas poderán ser ampliadas para dar acollida a outras en razón do seu grao de interese etnográfico, histórico ou cultural. Coidamos que o estudo da gaita de fol na Galiza presenta interese nos tres puntos e pensamos que ofrece o mesmo interese en Ferrol, Lugo, Ourense e Vigo, cuxos conservatorios a teñen incluída nos seus programas, ca na Coruña, Santiago e Pontevedra, onde non pode estudarse nos conservatorios da Xunta. 

A creación de estudos musicais de posgrao nas universidades galegas (ou, se for posíbel nun futuro, nos conservatorios superiores) evitaría que o alumnado tivese que marchar fóra cursar estes estudos, como está a acontecer, e axudaría a conservar e asentar na Galiza os profesionais formados aquí.

Neste sentido, podería ser interesante concibir un único mestrado con moitas ramificacións ou crear varios mestrados musicais, algún deles específico para a gaita de fol e a música tradicional galega.

Os conservatorios concertados ou privados poden ser útiles para levar o ensino da gaita aló onde os públicos non chegan, mais non deberían ter que facer o labor dos públicos ou substituílos.

A demanda non é un ente que se manifeste de forma independente e autosuficiente. Foméntase ou inhíbese e depende de numerosos factores. O feito de que unha persoa de Compostela teña que desprazarse a Vigo ou Ferrol para estudar gaita nun conservatorio público constitúe claramente un factor inhibidor, por exemplo. Ademais, é incoherente e inxusto que a demanda sexa un criterio no caso de gaita e non noutras especialidades, coma algunhas orquestrais, que deben ofertarse por lei aínda que teñan pouca demanda.

Comentarios