Opinión

Trucados polo teimudo carneiro do sistema

Deliberadamente estannos arrastrando á indixencia. A ser individuos de segunda clase, servos dun amo: O capitalismo. 

Practicamente, estamos todos os días na rúa. Pateámola coa esperta rabia, liberada no berro da impotencia, que choca nos cornos do teimudo carneiro do sistema.

Nesta altura da historia, as mulleres volvemos a soportar a dura situación de ter que acatar leis retrógradas, saídas dunhas mentes enfermas, eclesiásticas e de comuñón diaria, dunhas persoas que se cren con dereito a mandar no teu corpo, na túa sexualidade. e ao mesmo tempo que che impidan actuar libremente e decidir abortar, este retroceso ao 1985, no que o Sr. Ministro pretende mandar no útero das mulleres. Para el, só somos máquinas de fecundación, e el é o todopoderoso, o salvador da «vida» outorgado ese don «por obra y gracia de la Santa Madre Iglesia» e dos seus adeptos máis acérrimos OREMOS.

"Nesta altura da historia, as mulleres volvemos a soportar a dura situación de ter que acatar leis retrógradas, saídas dunhas mentes enfermas, eclesiásticas e de comuñón diaria"

E falemos tamén daqueles que pechan hospitais, crean repago sanitario (vixente nalgunha comunidade e servizos sanitarios, como dependencia: centros de día e ocupacionais, na teleasistencia, xubilados, enfermos crónicos …). Exclúen da sanidade a quen lles peta, e non teñen ningún tipo de reparo en saltarse unha lista de espera, por riba de pacientes realmente graves, e con verdadeira urxencia. Implantan a consulta telefónica. Falarlle a un médico por este dispositivo dos signos, dos síntomas, semella posíbel mais, non me parece factíbel que consiga dar coa identificación correcta da enfermidade. Un xuízo clínico nestas circunstancias semella unha aventura cos riscos que isto entraña. Cunha entrevista clínica dende a distancia, só coa retransmisión da voz, sen terte enfronte, sen verte. Coido que vai ser unha tarefa complicada. Quizais, dotando os centros de atención primaria con utensilios de adiviñación: bolas de cristal, péndulos, cartas de tarot...

Saír á rúa acotío estase a converter nun costume, nunha necesidade vital. Cada vez que xorde un novo ataque aos dereitos máis básicos. Como por exemplo, pensar en privatizar o noso ben máis elemental. Pretenden deixarnos sen a posibilidade dunha sanidade pública. Facer negocio a costa da saúde dos usuarios é un acto de terrorismo. Mais a vara de medir deles e a do cidadán non é igual. Isto é algo que todos sabemos ben. E vémolo claro na maior parte dos procesos de corrupción, que  alteran aínda máis o equilibrio da equidade. Como o caso Nóos, o feito de ser princesa, ou xenro de, fai que a xustiza mire para outro lado  «Con la Monarquía hemos topado». (Mentres elaboro este escrito, sorpréndeme a segunda imputación da infanta, esta vez  por branqueo e delito fiscal. Haberá que esperar ao 8 de marzo para descubrir se a xustiza actuará coa mesma firmeza que con calquera outra persoa).

Á cada instante, unha nova lei péganos de cheo na cara e transpórtanos a un tempo que semella ficar preso na involución

Volvemos a pasos axigantados a unha sanidade para ricos e outra para pobres. Esta realidade recórdame unha situación verídica, vivida na miña mocidade. Tiña dezanove anos, cando tiven que operarme de urxencia de apendicite. Pola miña idade xa estaba fóra da protección da seguridade social dos meus pais, así que, miña nai despois da miña operación tivo que achegarse ao concello e pedir un certificado, para  procurar a posibilidade de entrar por pobre, e logo entregarllo ao hospital. Ese trámite foi favorable e finalmente non houbo que pagar. Non estamos tan afastados desta situación. O tempo só é unha cuestión de reloxo, mais nada. O progreso é só unha palabra, sen significado real.

 Á cada instante, unha nova lei péganos de cheo na cara e transpórtanos a un tempo que semella ficar preso na involución. Vivimos baixo o dominio dunha autocracia, que estende o vao fedento da inxustiza cara os estamentos máis febles da sociedade.

E mentres estas novas tecnoloxías da miseria acaparan a totalidade dos centros de saúde, infinidade de persoas en idade de traballar incrementan aínda máis a lista do desemprego. E os que aínda teñen a sorte de traballar, fano nunhas condicións lamentábeis. Teñen menos días propios, recorte no salario, non son substituídos en vacacións ou baixas, e as xubilacións incluso eliminan a praza. Todo para alimentar un réxime corrupto, no que todo vale. Para que uns poucos privilexiados vivan a costa dos demais, dos que con tanto esforzo intentamos sobrevivir.

Deliberadamente estannos arrastrando á indixencia. A ser individuos de segunda clase, servos dun amo: O capitalismo. 

Deliberadamente estannos arrastrando á indixencia. A ser individuos de segunda clase, servos dun amo: O capitalismo.

Pretenden converternos en seres sen voz, monicreques do seu guiñol. Amedrentarnos e amputarnos a vontade, para que fiquemos quedos. Mais, non deberían subestimar o poder de reacción dos oprimidos, finalmente, o pobo será quen de fincar os pés nas gorxas do autócrata. Porque, nun estado ditatorial, só nos queda optar pola rebelión. Chegados a este punto, cando todas as dilixencias non nos levan a unha solución xusta, cando contrariamente, observamos a diario, unha reiterada vulneración dos dereitos máis básicos, non nos queda outra que o enfrontamento, a guerra. Pois o maleficio das tesoiras perséguenos inexorabelmente, coma os flashes intermitentes dunha esquizofrenia.

Comentarios