Opinión

Fusión Oza-Cesuras: cando o todo é a suma das partes

En xuño de 2013 o PP, desde a Xunta e a Deputación da Coruña e co apoio das maiorías absolutas que tiña tamén nos concellos, promove a fusión dos concellos de Oza e Cesuras. Impuxérona sen participación da veciñanza, sen contrastar parecer coa oposición, sen un estudo serio do que esta fusión ía supor para as veciñas e veciños e coa fraude democrática de facer algo que non levaban no programa electoral.

Na actualidade hai un recurso presentado pola Plataforma veciñal en contra da fusión e outros presentados polos grupos políticos da oposición, incluído o BNG, que aínda non resolveu o Tribunal Constitucional. Antes de resolver estes recursos e na situación de inseguridade xurídica en que se encontra todo o proceso, non parece moi razoábel empezar cunha nova fusión co risco de que acabe do mesmo xeito.

O xerme da fusión foi o acordo entre os dous antigos Concellos para construír unha escola infantil de 0-3 anos. A escola infantil licitouse 2 anos despois da fusión e aínda hoxe está en obras. Prometeuse tamén rehabilitar un vello sanatorio modernista para facer un xeriátrico público en Cesuras, soterrar a vía do tren que divide en dous o núcleo de Oza, ubicar no novo concello unha planta de biomasa de ENCE e a nova embotelladora da multinacional Coca-Cola para crear milleiros de postos de emprego.... Ningunha das promesas se cumpriu. O novo Concello segue perdendo habitantes ano tras ano, exactamente igual que o facían antes de fusionarse.

Non necesitamos ‘premios’ para que cada alcalde estrague como queira, o que precisamos é que se dea resposta ás nosas necesidades. Poñamos un exemplo: se Oza e Cesuras precisan unha escola infantil teremos que construíla se fusionen ou non, e se non a precisan non é lóxico que se tiren cartos de todos nunha obra que vai estar pechada ou infrautilizada. O criterio dos premios ademais de ser ilóxico é insostíbel, porque se se fusionan a metade dos concellos do País, imos ‘premiar’ á metade dos Concellos? É xusto que reciba un 20% máis de cartos públicos un concello que outro coa mesma poboación só como ‘premio’?

Todo segue igual, non hai máis nin mellores servizos, non se incrementa a poboación senón que segue diminuíndo, non hai mellores transportes nin maior calidade de vida

Dicía Aristóteles que “o todo é máis que a suma das súas partes”. A fusión de Oza e Cesuras demostra que esta máxima aristotélica na ordenación territorial non se cumpre. Na xestión municipal o resultado da fusión non é máis que a suma dos antigos Concellos de Oza dos Ríos e Cesuras. Todo segue igual, non hai máis nin mellores servizos, non se incrementa a poboación senón que segue diminuíndo, non hai mellores transportes nin maior calidade de vida. O único que se multiplicou por tres foi o soldo do alcalde do Concello fusionado, que conseguiu coa fusión cobrar o soldo máximo que permite a lei.

Tan claro é que o todo é tan só a suma das partes que a harmonización das ordenanzas fiscais dos dous antigos concellos consistiu en poñerlles unha grampa: a veciñanza de Oza-Cesuras segue pagando impostos diferentes segundo viva no antigo concello de Oza ou no de Cesuras. O mesmo pasa cos servizos, o colexio de Oza dos Ríos ten servizo de comedor e mañanceiros, o de Cesuras non. O subministro de auga en Oza está privatizado mentres que nas escasas zonas que contan con el en Cesuras é o propio Concello quen o xestiona. Exactamente igual que antes da fusión. 2 concellos, 2 colexios, e até fai un mes mesmo 2 secretarios municipais. En conclusión: facer ver ‘que todo cambia para que todo sega igual’.

A veciñanza de Oza-Cesuras segue pagando impostos diferentes segundo viva no antigo concello de Oza ou no de Cesuras

Case 3 anos despois da fusión viven mellor ou peor os veciños e veciñas do novo concello fusionado? Nada cambiou, a fusión supuxo só unha operación publicitaria para o Partido Popular na Xunta e no Concello. A opinión da veciñanza non importou nin se tivo en conta en ningún momento e o goberno segue sendo igual de clientelar que era antes de que se uniran.

Táboa de evolución da poboación dos concellos de Oza e Cesuras e do novo concello Oza-Cesuras

  2011 2012 2013 2014 2015

Oza

2.225 2.174 2.131         
Cesuras 3.229 3.227 3.204    
Oza-Cesuras       5.275 5.253
Total 5.454 5.401 5.335 5.275  

 

Comentarios