Opinión

Logopedia en disfemia

"Tartamudo”, “tatexo”, “este trábase”, e un longo etc. de frases que temos escoitado cando algunha persoa presenta unha alteración na fluidez da fala, reflicten a falta de sensibilidade e de coñecemento deste trastorno por parte da sociedade. Persoas con este trastorno no mundo do deporte ou o espectáculo axudan a normalizar a situación das persoas con disfemia e a que se conciencie da importancia da intervención dende a atención temperá.

Disfemia ou tartamudez persistente do desenvolvemento é o termo técnico usado en logopedia para este trastorno da fluidez. En contra do que moitas persoas pensan, non ten causa psicolóxica, senón que se trata dun trastorno de orixe neuro-motora. A persoa percibirá unha serie de tensións na musculatura implicada na fonación que fará que se vexa a afectada a fluencia da fala, presentando no seu discurso unha serie de repeticións, prolongacións e bloqueos (comportamentos primarios) derivados desas tensións. Pouco a pouco, estas disfluencias presentarán comportamentos secundarios asociados, como tics, movementos de estruturas orofaciais e/ou do corpo, como forma de reacción motora a esas disfluencias primarias. A nivel verbal a persoa fará substitución de palabras, uso de onomatopeas ou circunloquios e a nivel emocional poderá xerar sentimentos de frustración ou tristeza, evitación de situacións comunicativas ou baixa autoestima. Estes comportamentos secundarios, sobre todo os de tipo emocional, poden condicionar a comunicación da persoa cos seus iguais. Polo tanto, supón que un certo comportamento ou sentimento, non será causa psicolóxica das chamadas disfluencias ou interrupcións do discurso, senón que poderá ser consecuencia das mesmas.

A prevalencia deste trastorno é de 5% en poboación infantil e 1% en idade adulta, afectando máis a homes que a mulleres (4-5:1). Pode xurdir dende os 18 meses pero é máis común que apareza entre os 2 e os 3,5 anos, podendo ter tamén un inicio tardío. A pesar de que non se coñece a causa das disfluencias, hai aspectos que poden condicionar a aparición das mesmas. Tales factores están relacionados coa compoñente xenética e de xénero, a idade de inicio das disfluencias, o desenvolvemento lingüístico da persoa, a tipoloxía das disfluencias e nalgúns casos, fálase de factores ambientais; aínda que non é un aspecto condicionante para a presenza das disfluencias, si pode supoñer unha condición para a severidade das mesmas e maior probabilidade de presentación.

A logopedia será a disciplina que avaliará e intervirá sobre as disfluencias e ao igual que noutros trastornos susceptibles de intervención logopédica, a atención temperá será fundamental para o éxito da terapia. Cunha intervención temperá, tanto indirecta (información e modificación de hábitos de conversa) como directa (patrón de fala, velocidade, contacto visual) haberá unha maior probabilidade de remisión total das disfluencias e poderán evitarse ou reducirse a instauración de comportamentos secundarios, que condicionarán en moitos casos a comunicación da persoa e o seu autoconcepto. Sempre deberá terse en conta a motivación e as expectativas con respecto á terapia a fin de planificala de forma gradual e individualizada.

Se a intervención se realiza en adolescentes e persoas adultas deberanse controlar os comportamentos secundarios xa instaurados e se fose preciso, facer un tratamento combinado con psicoloxía en casos de alta ansiedade social, por exemplo; tendo en conta como xa comentabamos que estes aspectos non serán a causa das disfluencias, senón a consecuencia da falta de control e aceptación das mesmas. Precisamente un dos obxectivos neste grupo de idade pasará por aceptar as disfluencias que presente e ao mesmo tempo, facer un adestramento para unha modificación do seu patrón de fala que axude a reducilas.

Como en todas as terapias, o máis importante será o dominio ou nivel de especialización da terapeuta e a evidencia clínica e científica para a planificación da avaliación e a terapia. 

Nota 
As fontes para o artigo foron sacadas de formacións impartidas por Escobar, R. e Leal, G.

Comentarios