Opinión

Hábitos orais na primeira infancia: da prevención ao tratamento

Para comezar, debe explicarse que é a motricidade orofacial. Este termo refírese ao estudo, investigación, prevención, avaliación, diagnóstico e rehabilitación dos trastornos conxénitos e/ou adquiridos do sistema orofacial así como das súas funcións: succión, mastigación, deglutición, respiración e fonoarticulación, dende a xestación ao envellecemento. Isto implica un traballo complexo e completo sobre a persoa.

Pois ben, esta disciplina, dentro da logopedia, celebra o día mundial centrándose nos hábitos orais na primeira infancia. Mais, que son os hábitos orais e por que son importantes na primeira infancia?

Cando falamos de hábitos orais, falamos de “costumes ou prácticas que se adquiren por repetición frecuente dun acto, primeiro de forma consciente e despois de forma inconsciente” (Medina C. et al.). Neste caso non falamos dos considerados fisiolóxicos como a respiración nasal ou a mastigación bilateral alternada, senón dos non fisiolóxicos, que non son beneficiosos para o desenvolvemento craniofacial da persoa.

Tendo en conta que é na primeira infancia cando se produce un maior desenvolvemento craniofacial, as posibles consecuencias dos hábitos orais pasan pola alteración da oclusión dentaria, da musculatura implicada nas funcións mencionadas e unha modificación no crecemento craniofacial e no desenvolvemento do sistema estomatognático. A prevención dende o seo familiar debe ser primordial. Se observamos que a crianza tende a facer succión ou mordedura labial ou lingual, succión do dedo polgar, mordedura das fazulas, succión ou mordedura de obxectos ou das unllas, debemos tratar de modificar a súa conducta desviando a atención cara a outras actividades para que non se converta nun hábito. Así mesmo, a prolongación no uso de chupete e biberón máis alá dos dous anos tamén é un hábito oral nocivo, polo que a súa retirada debe estar en torno a esa idade e incluso antes, ao redor dos 18 meses.

Se a prevención non é suficiente e a persoa instaura un hábito oral dese tipo, debemos ter en conta cales serán as alteracións craniofaciais que poden aparecer: mordida aberta e/ou cruzada, deformación do padal, falta de contacto interdentario, cambio na posición das pezas dentarias ou desprazamento mandibular. Ditas alteracións farán que aparezan alteracións articulatorias, na resonancia e na mastigación, respiración oral, incompetencial labial e deglutición disfuncional. Todas estas alteracións implicarán o traballo de diferentes profesionais para restablecer as funcións correctas (odontoloxía para alteracións a nivel dentario e actuación psicolóxica se fose preciso buscar as causas da instauración do hábito).

Será a logopeda a profesional encargada de facer o tratamento para rectificar as alteracións musculares e funcionais a nivel estomatognático. O tratamento pasará en primeira instancia por erradicar o hábito oral lesivo que provocou as demais alteracións en coordinación coa psicóloga. Tratarase de concienciar á persoa do hábito, buscar estratexias de modificación de conducta para eliminalo e explicarlle cal é o patrón correcto.

Pasarase entón á fase de corrección onde se traballará directamente sobre a musculatura, normalizando a súa mobilidade, tonicidade e posición de repouso e mellorando as funcións alteradas en relación coa musculatura, actuando coa odontóloga como reforzo. Alcanzada a corrección, pasarase ao reforzamento e a alta no tratamento. A logopeda deberá realizar unha (re)avaliación final das funcións e debería seguir como criterios de alta a automatización dos patróns correctos a nivel muscular e funcional así como a modificación dos patróns disfuncionais.

Hai que ter en conta que todas as fases do tratamento non terán bos resultados se non hai coordinación entre as profesionais que traten as consecuencias dos hábitos orais (odontoloxía e/ou psicoloxía) así como unha correcta implicación da persoa que realiza o tratamento e da familia.

Comentarios