Opinión

Día mundial da síndrome de Down; o papel da logopeda

O día 21 deste mes conmemorouse o día mundial da Síndrome de Down. Este é un trastorno xenético que se orixina cando se produce unha copia adicional total ou parcial do cromosoma 21, por iso se coñece tamén como trisomía do par 21. Este material adicional provoca cambio no desenvolvemento da persoa e nas características físicas. A maioría das veces, non é un síndrome hereditario senón que se produce por un erro na división celular nas primeiras etapas de desenvolvemento do feto, xerando a copia adicional. Aínda así, hai persoas que teñen maior risco de ter unha crianza con esta síndrome. Hai maior probabilidade de xestar unha crianza con síndrome de Down se a idade da nai supera os 35 anos posto que os óvulos antigos teñen máis risco de división cromosómica inadecuada. Tamén aumenta as probabilidades ser portadores de translocacións xenéticas no cromosoma 21 ou ter previamente unha crianza con esta síndrome.

A pesar de que varía dun individuo a outro, comparten rasgos físicos como a face aplanada, cabeza pequena e pescozo curto, pouco ton muscular con flexibilidade excesiva ou lingua protuberante e baixa estatura. A maioría das persoas con síndrome de Down teñen discapacidade intelectual entre leve e moderada e presentan retrasos na linguaxe e problemas de memoria a curto e longo prazo. Tamén poden presentar complicacións de saúde que se volven máis notorias coa idade (defectos cardíacos, trastornos inmunitarios, demencia, etc.).

A logopedia é unha disciplina que debería estar presente para a intervención con persoas con síndrome de Down dende a atención temperá. En crianzas de curta idade, a logopeda será a encargada de facer unha estimulación da linguaxe e a comunicación que axude a un desenvolvemento máis rápido e adecuado.

Traballarase sobre os prerrequisitos da linguaxe e sobre todos os compoñentes (fonoloxía, semántica, morfosintaxe, pragmática) así como na comprensión da linguaxe se houbera dificultades na mesma. Hai que indicar que é moi habitual que exista unha discrepancia entre a comprensión e a expresión da linguaxe oral, sendo tamén máis habitual que o desempeño sexa mellor en comprensión que en expresión. Incidirase tamén sobre a intelixibilidade da fala e a fluencia do discurso ou a voz en caso de que a persoa o precise. A logopeda intervirá ademais directamente sobre a musculatura orofacial para conseguir unha mellor mobilidade e mellor ton e control da mesma, repercutindo positivamente en funcións orofaciais como a succión, mastigación ou deglutición. Por outra banda, dependendo do caso, a logopeda deberá intervir sobre dificultades que presente a persoa en canto á audición, a percepción ou a integración sensorial (sempre cun traballo multidisciplinar con terapia ocupacional e psicoloxía).

Para a consecución dos obxectivos marcados en cada área a reforzar, a logopeda deberá valorar que os materiais empregados sexan motivadores para a persoa e que as oportunidades de aprendizaxe sexan variadas no seu entorno natural e reforzalos positivamente para que sexa máis probable que se repitan. Tamén hai que ter en conta que as aprendizaxes deben ser funcionais e axustadas ao momento evolutivo da persoa. Calquera que sexa a intervención a realizar coa persoa con síndrome de Down debe contar cun programa de atención individual e tendo en conta as necesidades de cada persoa. Debe contar tamén co consenso e o apoio da familia que será fundamental para a consecución de obxectivos tanto a nivel de logopedia como doutras profesionais que deban intervir.

É polo tanto, unha intervención global sobre diferentes funcións e capacidades. É como unha carreira de fondo, que comeza coa estimulación da linguaxe na primeira infancia e continúa, se a familia e a persoa o precisan, na nenez, a adolescencia e a idade adulta.

Comentarios