Opinión

Capítulo VIII: «REL- TEL- TEA: cada vez máis difícil»

A miúdo, a sociedade ten a percepción de que as logopedas nos adicamos a problemas de articulación dos fonemas da fala e asocia tamén determinadas patoloxías co noso traballo, como no caso do autismo. Non ten xa a percepción de que hai outras patoloxías de linguaxe que non entran no “desenvolvemento tipo” dunha crianza e que tamén deben ser tratadas polas logopedas.

Para comezar, debe terse en conta que a linguaxe é unha capacidade ou habilidade moi complexa e que ten varias áreas nas que unha persoa pode ter problemas e sobre as que poderemos actuar as logopedas. A fonoloxía sería a área dos fonemas, da pronuncia dos sons da fala e que farán que unha crianza teña maior ou menor intelixibilidade no seu discurso. A semántica pola súa parte, sería a área na que se encontra o coñecemento das palabras, o vocabulario tanto comprensivo como expresivo dunha persoa. A morfosintaxe englobaría a creación de enunciados novos e complexos usando as dúas áreas anteriores cunha cohesión e coherencia que farán que a pragmática ou o uso da linguaxe sexa adecuado. E para rematar, a comprensión da linguaxe sería a parte fundamental para dar un sentido ao resto das áreas que podemos traballar. Mais a realidade que atopamos nas crianzas, é moito máis complexa do que poida parecer.

Existe un continuum entre diferentes patoloxías que poden ser confundidas nun primeiro momento, vendo as alteracións que presenta a crianza. Así pódese dicir que o REL, o TEL e o TEA teñen certa relación entre eles no momento da valoración e intervención.

Se unha crianza, de arredor de 18 meses comeza a ter problemas coa linguaxe, ben un retraso na adquisición, ben perda de capacidades que antes si tiña, etc., a familia espera a ver se a situación se normaliza pero chegan os dous- tres anos e segue habendo cousas «que non cadran» na linguaxe e acode a que sexa valorada a súa situación. A logopeda valora a linguaxe e ten que enfrontarse á tarefa de poñer unha etiqueta: REL (retraso evolutivo da linguaxe), TEL (trastorno específico da linguaxe) ou TEA (trastorno do espectro autista), e non sempre está definada cal é a correcta...

Un REL ou Retraso Evolutivo da Linguaxe, é como o seu propio nome indica, un retraso na adquisición da linguaxe. Así, a crianza ten unha fonoloxía cun nivel inferior ao esperado para a súa idade cronolóxica, facendo sustitucións duns fonemas por outros ou omitindo aqueles que lle resultan máis dificultosos. A semántica tende a ter un desenvolvemento baixo, contando con menos vocabulario comprensivo e expresivo do que debera pola súa idade cronolóxica. Estes dous aspectos, repercutirán directamente na morfosintaxe, onde se observarán enunciados moito máis sinxelos, con estructuras menos elaboradas. Pode ser que a pragmática non se vexa afectada da mesma forma que as anteriores aínda que as capacidades serán menores. Ao non ter nin a pronuncia nin o vocabulario e a elaboración de enunciados adecuada, o uso que fará da linguaxe será máis sinxelo. A comprensión non sería unha área afectada nos casos de REL. Normalmente, tras unha valoración e unha intervención, non inferior a seis meses, obsérvase que a linguaxe acada o esperado para a idade cronolóxica da crianza, tendo que incidir segundo o caso, de forma máis profunda, nunha ou outra área (fonoloxía, semántica, morfosintaxe).

No caso de TEL, poden observarse características similares a un REL pero tamén a un TEA. Desta forma, cando se comeza a intervención con un TEL, hai que ter en conta uns sinais de alarma que farán que a impresión diagnóstica sexa a acertada. Empezariamos por observar erros de simplificacion fonolóxica propios de crianzas máis pequenas, un vocabulario escaso e unhas estructuras sintácticas máis simples que as esperadas para a súa idade. Ata aquí, poderíase pensar nun REL mais no caso do TEL, ademais veranse dificultades para repetir de forma correcta palabras novas e dificultade para a articulación de palabras longas e para recuperar en conversa, palabras coñecidas, levando ao uso de xenéricos como “a cousa”, “esto”, etc. Incluso poden observarse agramatismos, é dicir, dificultades coas flexións verbais, a concordancia xénero e número e un uso escaso dos pronomes. Ademais, obsérvase unha dificultade para a comprensión da linguaxe, sen ser capaces de seguir ordes ou regras e presentan un baixo nivel de escoita, polos problemas comprensivos, que farán que se pense nunha pérdida auditiva e en casos máis complexos, a un illamento que faga pensar nun TEA. (fonte: infografía publicada por Colegio de Logopedas de Madrid, pola conmemoración do día internacional do TEL). En moitas ocasións estes sinais non serán tan evidentes polo que a impresión diagnóstica pode postularse como REL ou TEA e ser revisada tras un tempo de intervención, non inferior a seis meses, tanto porque a evolución sexa máis positiva, descartando o TEA ou máis estacionaria, descartando entón o REL.

Por último, case toda a sociedade cre ter claro que é o TEA. Identifícase con persoas que “están no seu mundo”, persoas que non queren e non buscan comunicarse e que normalmente teñen conductas “estrañas” como os movementos de balanceo. Pois ben, eses detalles non deberían definir a unha persoa con TEA. O TEA é unha patoloxía complexa, non de fácil diagnóstico posto que non existe unha proba médica que o certifique e que ten unha grande variabilidade entre persoas con dito trastorno. Sen embargo, todas as persoas con TEA comparten dificultades de comunicación, déficits en interación social e patróns repetitivos e restrinxidos de conductas e actividades.

A atención temperá no TEA será fundamental para un bo pronóstico e dependerá da habilidade para detectar os sinais de alerta, tanto da familia como dxs profesionais que interactúen coa crianza. Así, segundo a etapa evolutiva na que se atope, veranse determinados rasgos que indicarán posibilidade de presentar esta patoloxía (nomearanse algunhas para que sexa máis facil a comprensión da labor da logopeda).  A falta de balbuceo e xestos ao redor dos 12 meses, non decir palabras sinxelas ao redor dos 18 e a ausencia de frases espontáneas de dúas palabras, sen ser ecolalias, aos 24 meses ou calquera perda de habilidades da linguaxe social a calquera idade serían sinais inmediatos para o TEA. A falta de contacto ocular, a falta de interese polos xogos comunicativos, polo contacto con outros iguais ou pola comunicación en xeral, a falta de sonrisa social ou de xogo simbólico, tamén poden indicar a presenza do TEA. Para o diagnóstico deberase facer unha observación exhaustiva e por profesionais especializadas,. En Galiza contamos con varias asociaciónss que poden asesorar ás familias e ofrecer un servizo de diagnóstico: BATA en Vilagarcía, ASPANAES en A Coruña ou Capaces en Lugo, por poñer algún exemplo.

Unha vez feito o diagnóstico, sexa cal sexa das tres posibilidades, a logopeda terá que traballar fixando obxectivos; desglosando todas as áreas afectadas e centrándose en que o tempo de consecución sexa curto para que a crianza obteña o mellor rendemento da súa comunicación. A intervención debe ser funcional pensando no que a crianza precise e sendo realista en canto ao pronóstico e á consecución dos obxectivos. Ademais, deberá axustar as necesidades tamén á familia para proporcionarlle as ferramentas precisas para entender e axudar á súa crianza disminuindo o estrés que a situación causará neles.

Parece sinxelo pero é unha tarefa de grande responsabilidade e que forxará unha relación de confianza coa familia e coa crianza. Unha intervención centrada na persoa e nas súas capacidades minimizará o impacto sobre a vida comunicativa diaria. Solo desta forma se pode traballar, vendo á persoa e as súas capacidades para mellorar os puntos máis fracos. Pódese considerar unha tarefa das que precisan de superpoderes, os que solo teñen, as superlogopedas. :)

Comentarios