mércores 19.02.2020

Capítulo IX: "Disfaxia orofarínxea, a miña paixón dentro da logopedia"

Os meus artigos seguen unha cadea lóxica para facer unha divulgación da miña profesión, seguindo unha orde “cronolóxica” dentro das afectacións coas que traballamos as logopedas dende o nacemento das crianzas ata a vellez e pasando pola vida adulta. Mais este mes, tendo en conta que o 12 de decembro se celebra o Día Mundial da Deglutición, e que son especialista en disfaxias orofarínxeas, non podía seguir co artigo que “tocaba”.

Pois ben, o 12 de decembro fai referencia á deglutición, e concretamente á disfaxia orofarínxea. A disfaxia é unha alteración no proceso de deglutición que se caracteriza por dificultades no proceso, dende a preparación na cavidade oral do alimento ata o transporte do mesmo dende a cavidade oral ata o estómago (Fonte: American Speech and Hearing Association, 1987). Este trastorno caracterízase por presentar sinais e síntomas específicos e con prexuizo de aspectos nutricionais, hidratación, función pulmonar e integración social do individuo (Fonte: Furkim e Silva, 1999).

A deglutición é unha actividade neuromuscular, que implica a acción coordinada de ata 5 pares craniais e de 26 pares de músculos, polo que envolve propiocepción, sensibilidade, ton, velocidade, precisión, amplitude e coordinación dos movementos (Fonte: aula de formación en disfaxias orofarínxeas de Susana Mestre, terapeuta da fala do Hospital de Faro, Algarve). Debido a esta complexidade, as alteracións serán moi diversas e serán máis ou menos graves. Así, poderanse atopar alteracións na eficacia ou na seguridade da deglutición.

Nas alteracións ou sintomatoloxía relacionada coa eficacia de deglutición poderemos encontrar:

- dificultade para o peche labial, que fará que se perda alimento cara ao exterior e apareza o babeo.

- residuos a nivel oral ou farínxeo, o que implica que poden aparecer infeccións polos residuos na boca e poden aparecer tamén infeccións, polo paso dos residuos farínxeos cara a vía aérea.

- deglutición múltiple ou fraccionada, o bolo alimenticio non pasa dunha soa vez cara ao esófago, o que implica que a acción e coordinación da musculatura non é adecuada.

- regurxitación, que pode ser nasal (saída do alimento polo nariz) ou oral (regresando os alimentos á boca).

- atragoamentos frecuentes con determinado tipo de alimentos (ben líquidos, ben sólidos, ou ambos).

Estas alteracións implican que a deglutición está alterada pero poden clasificarse como alteracións menos graves e máis sinxelas de solucionar, posto que a rehabilitación da musculatura pode ser suficiente para que se restaure a capacidade sen alteracións (sempre dependendo do observado na avaliación da deglutición da persoa que sofre as alteracións). A pesar desta afirmación, non se pode xeralizar nin banalizar pensando que estas alteracións non son importantes posto que a alteración da eficacia, pode levar a alteracións na seguridade da deglutición, máis importantes e invalidantes para a persoa. Considéranse alteracións da seguridade as seguintes:

- Presenza de tos antes, durante ou tras a deglutición.

- Carraspeo frecuente asociado ao momento da inxesta.

- Voz húmida ou cambios na voz tras a deglutición.

- Desaturación de osíxeno e cambios na frecuencia cardíaca (monitorizados con pulsioxímetro).

Se se presenta calquera destas alteracións, a persoa que as sufra debería consultar co seu médico e debería derivarse o caso a logopedia para unha avaliación clínica e a un ORL para unha avaliación instrumental que delimitará todas as estructuras alteradas para o proceso de deglutición.

Sen embargo, non sempre as persoas van ser capaces de identificar esta sintomatoloxía máis clara, senón que se queixarán de pérdida de peso, febre sen motivo, acidez estomacal frecuente, deixarán de comer algún grupo de alimentos ou deixarán de socializar ao redor da comida. Dependendo da situación da persoa, o médico identificará estes sinais máis tarde ou máis cedo como parte dun cadro de disfaxia ou buscará unha patoloxía de base que xustifique a presenza desas alteracións. Durante este tempo de latencia ata que se diagnostique a disfaxia, a persoa verá condicionada a súa alimentación e a súa vida diaria e socialización.

Posto que a logopeda é a profesional que se encargará da avaliación e o tratamento da disfaxia (orden CIN/ 726/ 2009 de 18 de marzo), cando a persoa chegue á consulta, realizarase unha avaliación clínica cunha historia clínica completa e a observación tanto da voz como das estructuras orofaciais que farán parte do proceso de deglutición así como dos reflexos intraorais e da sensibilidade. Esta avaliación dará datos suficientes para comezar unha intervención sobre a dieta da persoa que pode ter que ser modificada para que sexa segura. Para ter unha avaliación completa e totalmente inequívoca, deberíase complementar a labor da logopeda coa valoración instrumental, mediante NFD (nasofibroscopia de deglución), a videofluoroscopia e/ou a manometría, realizadas como xa especifiquei, por un médico especialista en ORL.

Unha vez temos o diagnóstico de disfaxia, a logopeda comeza a traballar coa persoa, tanto de forma indirecta como directa. O tratamento indirecto consistirá en traballar sobre as estructuras orofaciais e a sensibilidade valéndose de estímulos térmicos, tactis e gustativos que axudarán á mobilidade e a regulación da propiocepción e sensibilidade pero sen a presenza do alimento. O tratamento directo, pola súa parte, será aquel no que se traballe con alimentos, maniobras compensatorias, cambios na dieta, adaptación de consistencias, volumes ou dos utensilios. A labor da logopeda servirá para restituir a función alterada, a deglutición,. No caso de non ser posible, tentará traballar para que as alteracións en dita capacidade, alteren o menos posible a calidade de vida.

A disfaxia é unha entidade patolóxica en si mesma polo que unha persoa “sa”, sen outra enfermidade nin outra sintomatoloxía subxacente, pode presentar disfaxia por razóns musculares ou sensitivas, tanto na idade infantil como adulta. É máis frecuente que se presente asociada a outros cadros patolóxicos, entre os que podemos encontrar: as síndromes xenéticas, o cancro de cabeza e pescozo, o dano cerebral adquirido (traumatismos craneoencefálicos, parálise cerebral infantil e adulta, accidentes cerebravasculares agudos ou ictus, etc.) ou as enfermidades neurodexenerativas (parkinson, alzheimer, esclerose múltiple ou lateral amiotrófica, ataxia, corea de Huntington, etc.) entre outras.

Ademais, ao igual que co paso dos anos existe a presbiacusia (diminución da audición polo aumento da idade) ou a presbicia (diminución da visión polo aumento da idade), existe a presbifaxia ou alteración na deglutición por mor da idade, posto que a musculatura perderá a elasticidade e a forza precisa para continuar coa función sen alteracións. Cambios na sensibilidade e a perda de pezas dentarias tamén condicionarán a deglutición nesa fase da vida e debería terse especial coidado con esta poboación para vixiar que non existan alteracións, mais…. Sorpresa! ao igual que noutros moitos ámbitos, a logopedia non é unha das especialidades que por lei deben estar presentes nin nas unidades de paliativos nin en centros para maiores. De aí a importancia de que a divulgación da nosa profesión chegue a cada recuncho da sociedade, e se non se poñen á disposición da poboación os recursos onde se debera, que se reclame dende todos os estamentos e sobre todo, que se saiba que as logopedas somos necesarias e que sabemos que #vivircondisfaxia non é fácil nin agradable, pero somos nós as que podemos axudar e mellorar a calidade de vida das persoas con disfaxia.

Capítulo IX: "Disfaxia orofarínxea, a miña paixón dentro da logopedia"
comentarios