Opinión

Capítulo I. Logopedia e maturidade: Os bebés tamén precisan da intervención dunha logopeda?

Por suposto. Dende que nacemos, as nosas funcións orofaciais poden verse alteradas. Máis aínda no caso de bebés prematuros (menos de 37 semanas de xestación) e grandes prematuros (menos de 29 semanas de xestación), que aínda non están preparados nin a nivel muscular nin cerebral para a complicada tarefa de coordinar entre a succión, a respiración e a deglución.  

Será a pediatra especialista e neonatoloxía e o servizo de enfermaría da UCI neonatal quen primeiro observará que se debe reforzar a coordinación succión- respiración- deglución. É entón cando aparece a logopeda para valorar e controlar, estimular e intervir para asegurarse de que a coordinación entre esas funcións sexa a adecuada. Unha tarefa así non podería ser levada a cabo sen unha  capa invisible chea de superpoderes, que fai que entres na UCI, desinfectes e enluves as mans para metelas na incubadora e te sumerxas nese micromundo do neonato, buscando mellorar a súa calidade de vida e aumentar a supervivencia dese pequeno paciente que tes entre as mans. Todas as veces coa sensación da responsabilidade non solo coa pequena vida que hai dentro da incubadora, senón coa deses pais que serán asesorados e entrenados pola logopeda, sen ter moi claro por qué ela está alí nun principio pero que esperan que as indicacións que se lle dean, sirvan para que a situación mellore e poder marchar do hospital canto antes en familia. Crearase así un vínculo moi importante entre a profesional e a familia que axudará ao éxito na terapia. 

E como usa os superpoderes a logopeda? Primeiro, fará unha exploración/valoración da presencia e eficacia dos reflexos orais (búsqueda, succión, mordida e vómito), a forza e o ritmo de succión do bebé e da coordinación entre succión-respiración-deglución. Despois, con estes datos, a logopeda decidirá a mellor estimulación e intervención a realizar, buscando un equilibrio entre a musculatura orofacial e as funcións implicadas. A estimulación sensoriomotora oral (coñecida coas siglas ESMO) será a terapia máis utilizada nestes casos, que consiste, a groso modo, na estimulación miofuncional da musculatura oral e a propiocepción sensitiva mediante masaxe facial e no entrenamento da succión non nutritiva (SNN) para a exercitación das estructuras. Buscarase así un adecuado desenvolvemento músculo-esquelético do prematuro, constituíndo o punto de partida para procesos máis complexos e repercutindo de forma positiva sobre a succión nutritiva (no peito ou biberón). A logopeda deseñará un programa individualizado e específico para cada bebé que precisará da implicación do equipo de enfermaría que leve o caso e da propia familia para conseguir avances. 

Sen embargo, a intervención neste tipo de cados non sempre é posible; non porque non haxa candidatos para a intervención ou porque as logopedas non teñan a formación necesaria, se non porque non sempre hai os medios humanos necesarios. A Fundación NeNe vén de presentar  as “12 melloras imprescindibles para a prematuridade en España” onde, entre outras medidas, resaltan a necesidade dunha atención multidisciplinar ao prematuro, incluindo a figura da logopeda para intervir desde o principio do ingreso do bebé prematuro (Fonte: neurologianeonatal.org). Segundo eles mesmo citan no artigo, calcúlase que case o 

10% dos nacementos no estado español se producen de forma prematura e a cifra sube cada ano.   

Este dato, contrasta coa cantidade de logopedas presentes no servizo de neonatoloxía. Non existen datos estadísticos concretos, pero as logopedas do SNS (Sistema Nacional de Saúde) refiren que o Gregorio Marañón foi o primeiro hospital público en ter logopeda en UCI neonatal un par de décadas atrás e nos últimos anos, a súa presenza é maior neste servizo aínda que en moitos hospitais do estado español, segue a ser prácticamente testimonial. De feito, en Galiza, as logopedas que fan intervención na unidade de UCI neonatal, son apenas un par delas e incluso, nalgunha das áreas sanitarias galegas nin sequera existe a figura da logopeda para facer intervención ningunha.  

Con esta situación, as logopedas temos que sacar máis os nosos superpoderes e reivindicar o noso papel, ademais de mostrar a relevancia do traballo que facemos, xa dende o inicio da vida, para mudar todo o que veña despois. Porque como xa dixen, somos máis que “as dos erres”

Comentarios