Opinión

Capítulo VI. Reflexións dunha logopeda no día do seu cumpreanos

Hoxe é o meu cumpreanos, cumpro nada máis e nada menos que 33 anos. Non parecerán moitos pero se boto a vista atrás na miña vida como logopeda, xa hai doce anos que rematei a universidade e once que comecei a traballar. Recordo o primeiro día coma se fora onte, con moitos medos e moitas ganas de aprender que era iso de “ser logopeda”. Porque, sexamos sinceras, cando rematas de estudar, non tes nin idea de cal vai ser o teu traballo. Sabes moita teoría e pouca práctica, moitos autores e datos e pouco da realidade que te atoparás.

Foi no ano no que cumprín o número capicúa, os dous patiños, cando comecei a traballar e recordo que ao principio tiven pacientes que non sabía que unha logopeda podía tratar e con patoloxías das que apenas oíra falar en tres anos de estudo. Unha hidrocefalia, algunha que outra síndrome xenética e enfermidades neurodexenerativas das que como moito, escoitara o nome ou vagas pinceladas de boca dalgunha das persoas que nos daban clase.

Pasaba medo, realmente era sensación de medo, de non saber como axudalos

Pasaba medo, realmente era sensación de medo, de non saber como axudalos, de non ser quen de sacar adiante o traballo que se me esixía pero a tenacidade e a confianza depositada en min dende o primeiro momento fixo que esa sensación non se apoderase de todo de min e puidese dar o mellor de min, e siga dando por cada unha das persoas que se converten nos meus e nas miñas pacientes.

Recordo tamén a sensación que tiven hai un par de anos cando asumín o reto de enfrontarme á miña profesión dende un ámbito que adoro, pero do que non tiña nin a máis remota idea de como funcionaba, un hospital. Esa inseguridade e medo volveron a min dende o minuto un que entrei por aquela porta, pero podíanme as ganas de aprender e a ilusión por estar alí, onde tantas veces soñara. Esas ganas e ilusión fixeron que aprendera (e siga aprendendo) de logopedia, de enfermaría, de neuroloxía, de otorrino, de coidados intensivos, e de calquera outra especialidade coa que me crucei, me cruzo e me vaia cruzar de aquí en adiante.

Despois deste tempo traballando, con números de dúas cifras xa, creo que esa sensación perdura toda a vida, con cada caso novo, con cada persoa que atopas no camiño e que supón un reto para a túa profesionalidade. Certo é que, despois dun tempo non é tan esaxerada nin crea esa ansiedade que se agarra á boca do estómago e fai que respires como se remataras de facer unha carreira, pero non deixa de ser unha inseguridade que te acompaña, por querer ser a mellor profesional para a persoa que acode buscando axuda.

Xa sexa unha crianza que non pronuncia un /r/, unha crianza que non é capaz de ler ou escribir con soltura ou unha persoa adulta que vén de sufrir un ictus ou un cancro. Calquera logopeda que se prece e queira o mellor para as persoas ás que atende debe ter esta sensación que describo ou caerá na prepotencia e na arrogancia de crerse mellor que as demais e o peor que nos podemos encontrar en calquera profesión é alguén que se crea unha xenialidade polo feito de non sentir inseguridade nalgún momento, porque non recoñecerá os seus erros e pensará que solo ela posúe a verdade absoluta.

Ninguén quere sentirse nin facerse ver débil, e menos de cara ás persoas que se van atender

Tamén é verdade que desta sensación non se fala a miúdo, con case ninguén. A razón, moi sinxela, é que facelo demostra debilidade ante a túa profesión, para a que te levas preparando os tres anos de carreira (agora 4) e con todas as formacións que veñen despois, porque veñen, moitas, mellores ou peores pero moitas.... E ninguén quere sentirse nin facerse ver débil, e menos de cara ás persoas que se van atender. Pois esas persoas non nos ven débiles, senón humanos, e en momentos nos que precisan que máis o sexamos. Emocionarse por un avance, chorar por un empeoramento ou que se poña a pel de galiña cando escoitas ou les un novo caso son emocións que as pacientes e as súas familias agradecen porque entenden que si lle importa a alguén o que lles está pasando. Sempre sen perder a perspectiva de que debemos traballar ata onde poidamos e que na nosa casa non podemos quedarnos con todos os problemas do mundo ou non viviremos con tranquilidade.

E por que estas reflexións que non axudan a divulgar a logopedia? Porque axudan a divulgar ás logopedas, todas elas, que coma min, van traballar cheas de ilusión e loitan por facer mellor a vida de todas as persoas coas que traballan. E porque axudan a que esas logopedas que están estudando sexan conscientes de que eses medos que xa temos mentres estudamos non son malos sempre e cando non nos deixemos vencer por eles. E porque axudan a que a poboación entenda que o noso traballo non sempre é fácil e que hai veces en que prefeririamos ter outros traballos e non ser portadoras de non boas novas para familias que acoden a nós coa esperanza de que lle digamos que todo está ben. E porque axudan a que se vexa que ningunha profesión fai o mellor para os e as pacientes se non se traballa en equipo e se busca aprender de todo e de todas as persoas que te rodeen. Porque para divulgar a miña profesión están todos os demais días, hoxe era día de reflexionar, que cumprir anos fai que vexas o bo que hai, e o que queda por descubrir!

Comentarios