Opinión

Revivals innecesarios

Finais dos sesenta. O feminismo radical convértese nun movemento separado da esquerda


Finais dos sesenta. O feminismo radical convértese nun movemento separado da esquerda porque non ve nela un recoñecemento absoluto ás súas reivindicacións e onde segue existindo un poder masculino. Os movementos de esquerda entenderon que os problemas da muller solucionaríanse automaticamente co fin do sistema capitalista.

Ano 2015, temos que ler como algúns dirixentes históricos do nacionalismo mostran preocupación e molestia porque cuestións, como o feminismo ou as demandas LGTB, restan espazo e protagonismo no discurso do nacionalismo á cuestión en si.

Xa sabemos que a estas alturas a igualdade como alicerce fundamental, moitas veces en certas mentalidades, non acaba de calar, pero unha cousa é que alguén diga algún improperio deste tipo nun bar cunha copa de Soberano e fumando un puro, e outra que o exprese públicamente. En qué lugar nos deixa a moítimas das persoas que formamos parte dese proxecto e que teñen integrado no seu discurso estas cuestións? Que opcións nos dá?

Desgrazadamente para xente que non forma parte deste proxecto pode dar a impresión, de que ata o de agora facíase un uso destes temas, simplemente por utilidade en termos populistas, pero que en realidade a igualdade pola que loita o feminismo, non se considera un alicerce fundamental para a construcción dunha Galiza, da nosa Galiza.

Que ninguén volva a decir publicamente que a nosa loita, as nosas demandas, non son tan relevantes como outras cuestións, porque ao mellor  sucede o que pasou con Kate Millet, o feminismo radical e a esquerda...

Pola miña banda, farta  de ver como unha e outra vez nos usan e nos ningunean, animaría ás compañeiras de todos os partidos a que deamos un golpe sobre a mesa. Tan sinxelo, e con un coste cicais alto, como a que se dentro da organización alguén fai declaracións públicas ou xurde algún tipo de consigna  sobre que iso do feminismo teríamos que suavizalo porque non soa ben ou similar, sexamos implacábeis. Non o deixemos correr, non o tapemos, denunciémolo.

Compañeiras e compañeiros, xa non podemos aturar mais. É o noso momento. Levamos séculos apoaiando as loitas dos varóns de esquerdas, a loita dos dereitos civís dos afroamericanos, do nacionalismo e moito máis, e unha e outra vez deíxannos na estacada, ningunéannos e intentánnos facer crer que sempre exíste unha causa maior á que temos que supeditar a  nosa loita por alcanzar unha igualdade entre homes e mulleres. 

Señores e señoras, estamos falando da metade da poboación. Aquela que sofre maior empobrecemento, aquela que coida a xente marior, as crianzas, facendo o traballo que lle correspondería ao estado sen cotizar ou recibir nada a cambio, aquela que cobra un trinta por cento menos polo mesmo traballo que realiza un home, aquela á que queren tutelar desde o estado, aquela que é asasinada polo feito de ser muller. 

Por todo isto que ninguén volva a decir publicamente que a nosa loita, as nosas demandas, non son tan relevantes como outras cuestións, porque ao mellor  sucede o que pasou con Kate Millet, o feminismo radical e a esquerda.... Entenderemos que nos están invitando a irnos!

Compañeiras, sexamos implacábeis, non nos deixan opción. Ou con nós, ou contra nós, xa non podemos seguir supenditando o noso conflito a outros. Non nolo podemos permitir. 

O dos revival poden estar ben... pero ás veces son de moi mal gusto.

Comentarios