Opinión

Muller en rosa, mulleres en violeta

O feito de falar de “La carrera de la Mujer”

O feito de falar de “La carrera de la Mujer” [a autora fala do evento realizado na Coruña o 20 de setembro] é en sí reducionista ao máximo. Que muller? Branca? Galega? Trinta e pico? Que? Cicais estaría ben que o próximo ano barallasen outras opcións como “A Carreira das Mulleres”, "A Carreira das Loitadoras"," a "Carreira Contra o Cancro" temos tantas, tantas alternativas que non caerían neste reducionismo excluínte!

Despois desta "atrevida" proposta, vou ao que me leva a escribir este artigo. Comprobar como unha vez mais algúns partidos políticos xogan cos dereitos e os corpos das mulleres en beneficio propio, sen ningún tipo de respecto, nin tan sequera polas que padecen a enfermidade e as propias familias.

É obvio que ningúen critica unha actividade cuxo fin é visibilizar e recaudar fondos para a loita contra unha enfermidade  coma o cancro de mama. A cuestión é como e o uso que se fai dun acto destas características.

Se quen organiza este evento non quere modificar determinados aspectos que poñen de manifesto un grado de sexismo, que a estas alturas resulta indignate e debería ser inadmisible,  polo menos por unha cuestión de ética e solidariedade coas personas que padecen a enfermidade,  deberían  as mulleres que participan nela, facer algún tipo de protesta como por exemplo, non levar a camiseta rosa cos logos.  Incluso poderíase "customizar" a mesma camiseta con  consignas que recollesen  o noso reixetamento a determinados aspetos como a a frivolidade con que se trata este tema por parte dos organizadores ( falo en masculino, si), ou denunciando o machismo imperante, ou se queremos que sexa en positivo, pois manifestando o apoio e cariño polas mulleres e familiares que viven esta doenza.

Se seguimos refexionando arredor da parafernalia que se constrúe arredor da carreira, merece un capítulo aparte aspectos tales como a  frase “Hoy ganan las chicas”

Se seguimos refexionando arredor da parafernalia que se constrúe arredor da carreira, merece un capítulo aparte aspectos tales como a  frase “Hoy ganan las chicas”. Resulta completamente delatadora. Evidencia o que pensan exactamente ELES,  ese día deciden unha vez máis cando podemos gañar, o resto do ano xa o fan eles. Por outro lado, se paramos a deleitarnos cos agasallos que se reparten cos dorsais pois... máis do mesmo. Que están dicindo que somos? Que están insinuando que temos que facer nas nosas vidas? Cociñar, estar guapas, hidratarnos para ter unha boa pel, estar á moda, ser nais, que non nos cheire a cona... Non exaxero. Este tipo de agasallos foron repartidos ao longo de varios anos en Galiza e noutros lugares do estado español. Imaxinades unha carreria de homes onde ao rematar lles den xabón para os seus xenitais, ou viagra, ou unha revista de coches, ou o xornal depotivo de turno?  Creo que non o recibirían moi ben. Ademáis creo que postos a repartir, o que deberían facer é dar indicacións sobre a prevención, coidados, alimentación, recursos para as enfermas, e material que tivera que ver co que leva  a tante xente a correr ese día.

Se falamos do comportamento dos partidos, creo que case ningún se libra de pecar de carecer dun mínimo de respecto e sensibilidade coa palabra Igualdade. Non digo feminismo. Sei que a algúns/algunhas xenéralle urticaria.

Temos, por un lado, un goberno coruñés que en un principio incluíu o logo, polo cal non cabe duda que estaba dando o seu apoio por moito que logo renegasen dilo. Grazas á denuncia que fíxeron activistas feministas nas redes, e grazas á concelleira de Igualdade, decidiron retiralo. Cal é a nosa sorpresa, cando sae o alcalde a falar do tema mostrando o seu descoñocemento, prefiro pensar que é iso, sobre a magnitude do asunto, e ninguneando a concelleira da área. Quen mellor que ela para explicar as razóns que levaron o concello a retiralo?

Por outro lado, está o PP, exemplo da  utilización das mulleres e os nosos dereitos según lles convén. Resultou bochornosa a foto delas no pleno cunha camiseta rosa e o Señor Negreira cunha garabata, xa que nel a camiseta resultaría ridícula, claro! En nós é bonito, rosa e cinguida, pero nun home... Pola miña cabeza diante de  tal imaxe, non deixaron  de pasar as veces que tivese sido tan necesario, que levaran unha camiseta rexeitando a violencia machista ou defendo o dereito das mulleres a decidir sobre os seus corpos.

Todas sabemos que de determinados partidos políticos unha non pode esperar nada, salvo bofetadas unha tras outra, pero doutros resulta tan dañino, demoledor e desesperanzador

E o mais paradoxico de todo, o PSOE e a señora Mar Barcón. Muller cunha dilatada traxectoria nisto da Igualdade, que en menos dunha semana tumba a partida destinada á loita contra a violencia machista e convértese na defensora, da cor rosa e de toda a simboloxía sexista que rodea a carreira.

Todas sabemos que de determinados partidos políticos unha non pode esperar nada, salvo bofetadas unha tras outra, pero doutros resulta tan dañino, demoledor e desesperanzador. Ás veces, porque aínda que haxa personas con boa actitude, non se lles permite traballar en liberdade e noutras ocasions porque a ideoloxía está supeditada aos intereses do partido en clave electoralista e dos grupos de presións que manexan o capital.

Non apelo nin pido que determinadas empresas aposten de forma voluntaria por outro tipo de merchandising, campañas, etc. Exixo que sexa o goberno e os partidos quen non permitan  nin participen niso.

Pídovos compañeiras que se participamos, aínda sabendo as connotacións que ten, que o fagamos cunha actitude crítica, e xa por pedir, que a  "Carreira das mulleres" sexa a  carreira das mulleres desde o respecto ás persoas enfermas, a igualdade e a responsabilidade.

Comentarios