Opinión

A vella normalidade do 0,3%

Mentres no noso país e nos viciños se anuncia o levantamento do estado de alerta sanitaria, a volta ao 100% das capacidades máximas, a inminente restauración da chamada vella normalidade e termos atinxido, na práctica, a imunidade colectiva, nos países de baixa renda chegaron apenas vacinas para o 0,3% da súa poboación. Chove sobre mollado, sobre unha realidade, vella e nova ao mesmo tempo, de desigualdade e falla absoluta de solidariedade.

Apesar de a maioría das empresas estaren a receber cantidades multimilionarias financiadas con diñeiro público e pedidos antecipados, os desenvolvedores das vacinas están a monopolizar a propiedade intelectual, bloquear as transferencias de tecnoloxía e se coordenar, con medidas moi agresivas, para impedir que se expanda a produción desas vacinas a nível global. Como asinala a Amnistía Internacional, a súa inacción continua a causar danos aos direitos humanos sofridos por millóns de persoas sen acceso á vacina Covid-19.

De 5,76 mil milións de doses administradas en todo o mundo, 79% foi aos países de renda media e alta, e só un 0,3% aos países de máis baixa renda, o que está a provocar que grande parte das nacións da América Latina, África e Asia se estean a mergullar en novas crises, con sistemas de saúde enfraquecidos ao límite, causando decenas de millares de mortes evitábeis todas as semanas. Mentres, as grandes farmacéuticas, Pfizer BionTech e Moderna calculan facturar 130 mil millóns de dólares até o final de 2022. As dúas primeiras forneceron até agora nove veces máis vacinas para a Suecia que para todos os países de baixa renda xuntos. De por parte, a Moderna aínda non entregou nen unha única dose a un país de baixa renda e só 12% para os de renda media-baixa. A Johnson & Johnson vende a prezo de custo, mais tamén non cumprirá a grande maioría dos seus compromisos coa Covax. Por último, a Astrazeneca distribuíu a maioría das vacinas para países de baixa renda, vende a prezo de custo e cedeu algunhas licenzas voluntarias para outros fabricantes, aínda que se recusou a compartillar abertamente a súa tecnoloxía e se aderir a acordos de exención dos direitos de propiedade intelectual.

Nada aprenderon os poderes fácticos do chamado mundo occidental e do Norte tras a chegada da pandemia. Os danos causados á maioría da poboación mundial, nesta e noutras crises, terán tamén, a medio e longo prazo, graves consecuencias para todos e todas nós.

Comentarios