venres 22/10/21

Sáhara

Quer con pelella nova ou vella, o bode sempre tira ao monte. Así acontece tamén co colonialismo, ese cancro incisivo que ameaza, día após día, a paz mundial e a necesaria e natural libre determinación dos pobos. E, apesar de que nesta pelexa de castróns poida parecer que un deles, máis garrido e enfeitado, estexa a defender o territorio da modernidade democrática, na verdade os dous portan o xene, por veces recesivo e moitas delas manifesto, da rapina e a dominación. De cando en vez, iso si, aparecen estes danos colaterais e inhumanos da traxedia. Mais, embora existan, non debemos deixar que as árbores nos empezan ver a fraga do asedio de Marrocos sobre o Sáhara co silencio cúmplice da Unión Europea e, en xeral, da comunidade internacional.

No fundo do pano está o bicho da agresividade expansionista aniñada no corazón das metrópoles colonialistas. Desde logo, a española non é unha excepción, tamén no Sáhara, tras moitos anos de dominio. Lonxe fican aquelas declaracións de Felipe González, de apoio á súa autodeterminación e loita por un futuro en paz. Axiña reconvertera o seu discurso e o axeitara ao do franquismo mutado en borbonismo que, xa se sabe, sempre tivo unha querenza polo seu “irmao” marroquino, tamén exemplo de monarquía afecta ao enriquecimento obsceno. 

Eis a explicación da actitude primeiro paternalista e despois simplesmente de deixar facer ao “reino amigo” ocupante. Así o testemuña a desclasificación, en 2017, dos documentos secretos da CIA en que o nome do emérito fuxido figura en destaque, e que revelan como pactou sixilosamente con Hassan II a avanzada da Marcha Verde no territorio saharauí baixo ocupación española, financiamento por medio doutras das amizades borbónicas, os sátrapas saudís, coa anuencia de Kissinger. Todo un exemplo de respeito pola legalidade internacional. E de deixar, aquí tamén, todo atado e ben atado. E en perpetuo secreto, no Reino de España, que aínda ten moito que ocultar.

Desde aquela, até hoxe. Pasando incluso por Zapatero, que mesmo chegou a participar en varios encontros nos territorios ocupados organizados por Marrocos. Ao que, por certo, o Estado español, aínda potencia administradora, continúa, como a Israel, oh casualidade!, a vender armas para atacar o pobo saharauí e a súa autoridade, o Frente Polisario. Só a presión da opinión pública internacional e a solidariedade entre os pobos do mundo poderá facer virar os acontecimentos.

comentarios