Opinión

Roubar o futuro

Nestes días está a ficar máis claro, embora aínda haxa moitas persoas que non o estexan a perceber de forma nítida, que moitas das decisións tomadas no pasado están a ter serias consecuencias no presente. O caso do sistema de saúde e de atendementos e protección da poboación máis vulnerábel non deixa marxe para dúbidas. A privatización, mesmo que fose encuberta, deses servizos públicos é unha das causas desta grave crise sanitaria que será acompañada dunha crise económica sen precedentes. Por se alguén ficase con dúbidas, a alegada mellor e maior eficacia da empresa privada, que nos repetiron como unha ladaíña, para xerir servizos públicos xa non é máis do que un terríbel pesadelo. E agora resulta indignante ver como quen planexaron e executaron esas políticas de austericidio tentan hipocritamente facer rebotar culpas con cara de “acabei de pasar”, escapando de calquer responsabilidade nesta traxedia.

No entanto, esas foron unha das moitas medidas adoptadas nos últimos anos que visaban a un único obxectivo, a acumulación de capital por parte dunha minoría às custas de morte, sofrimentos, privacións, vulneracións dos dereitos fundamentais e, o que aínda máis magoa, de nos arrebataren o noso futuro. Infelizmente, o neoliberalismo, através dos seus terminais mediáticos e políticos –a maioría dos gobernos non foron máis do que pantallas do poder económico– conseguiu instalar nas mentes de grandes capas da poboación a idea de que outro mundo non era posíbel e que este supuña o estado natural das cousas. Para conteren e canalizaren o descontentamento xa se encarregaron de criar os movimentos neofascistas de extrema direita que, con dedo acusador, apontan de forma desalmada e mentireira para a emigración como causa do desastre.

No noso país, a clase política que fixo de executora deses mandatos ten nomes e apelidos. As súas decisións foron consagradas en rexistros públicos e disposicións legais, aínda que as conversas privadas en que se xestaron nen sempre transcendesen. Expropiáronnos os nosos aforros, colocaron en mans estranxeiras as nosas fontes de enerxía, as nosas vías de comunicación, os nosos hospitais. Deslocalizaron as nosas empresas. Inviabilizaron o noso rural. Importaron as perdas e exportaron os gaños. Expulsaron a nosa xente nova, a quen formamos, para que agora teñan que vender o seu talento polo mundo fóra. Apropiáronse do noso presente para nos roubaren o noso futuro.

Comentarios