Opinión

Restaurándomos Carvalho

Trinta anos após a súa morte, chegou o recoñecimento oficial da figura excepcional de Carvalho Calero. Chega tarde, si, porque posibelmente non haxa entre as e os seus compañeiros de xeración política, literaria e cultural unha referencia tan senlleira, a dun intelectual total. Chega tarde, si, porque, de foren as súas ensinanzas sobre o idioma levadas en consideración a tempo, probabelmente o proceso de deturpación, hibridación e substitución polo que camiña o noso idioma non presentaría a alarmante fasquía actual. Chega tarde, si, mais benvinda sexa se viñer por ben, para restaurar o seu legado, a súa obra, o seu pensamento, o seu maxisterio.

Non é segredo nengún que o exilio interior que Carvalho transitou após sofrer a represión, o exilio e o cárcere da ditadura como escarmento á súa militancia política nacionalista até o desaparecimento da Segunda República española, tornouse, coa transmutación do réxime franquista, nunha dorosa e inxusta proscrición intelectual. Carvalho continuou a ser Carvalho, o mesmo Carvalho, coas mesmas ideas políticas, coa mesma orientación literaria e cultural, o mesmo profesor e investigador, coas mesmas conviccións. Mais Carvalho, por ser Carvalho, resultaba incómodo para quen o necesario proceso de restauración política, cultural e linguística da Galiza non encaixaba na metamorfose do réxime español. E como Carvalho non muda nen cala, chega a censura. Ou o que é pior, a invisibilidade e a exclusión. E en palabras do seu discípulo, José Luís Rodríguez, “Carvalho Calero converteuse nunha bandeira sen el procuralo”.

Mais nesa súa travesía no deserto, Carvalho non só nunca camiñou só, senón que sempre acompañou a quen, como el, mantiñan o facho aceso. Paralelamente á continuación do traballo intelectual, literario e académico, D. Ricardo atendeu todas as chamadas, participou en todas as citas onde se loitaba pola reposición e normalización do noso idioma e a sua reintegración no tronco común, como única alternativa á desaparición que supuña o “galego-castelhano”.

Ben haxa agora o ineludíbel recoñecimento oficial, a rehabilitación da súa figura e do seu legado. Nuns momentos tan críticos para o noso idioma, toda Galiza unanimemente, a través da súa representación parlamentar, recoñeceu que o futuro da lingua será “galego-português”, coa aprobación da chamada Lei Valentín Paz-Andrade. Poñámoslle agora voz e face a esa lei restaurándomos Carvalho de vez.

Comentarios