Opinión

Racismo nos USA

Quizá sexa o racismo a expresión máis inhumana e aborrecíbel das relacións de dominio e explotación. Mais, claro, non é a única. Aí están tamén o machismo, o capitalismo que agora chamamos neoliberalismo, o imperialismo, a discriminación por motivos de idade, xénero, orientación sexual ou relixión, e algunhas outras. En todas elas se produce unha caste de opresión e imposición para manter uns privilexios grupais en contra do interese xeral e da verdadeira liberdade. E decote veñen todas empacadas no mesmo fardo.

Estas relacións de opresión son ben difíceis de rachar e tombar, porque precisamente quen as impulsiona e impón é normalmente unha minoría que actúa defendendo os seus intereses privilexiados, fundamentalmente económicos. Ter ese poder implica ao mesmo tempo o control político, mediático e militar. O primeiro para asegurarse de lexislar e gobernar para satisfaceren sempre os seus intereses, o segundo para crear estados de opinión xeneralizados que consigan que mesmo as maiorías subxugadas xustifiquen e dean soporte aos seus planos, e o terceiro para garantir, en última instancia, que calquera disidencia que poida pór minimamente en perigo o status quo se poida esmagar manu militari. O monstro témolo ben perto.

Na outra beira do Atlántico, moitas analistas e opinadores estadounidenses estanse a referir aos sucesos derivados do asasinato racista dun home negro a mans da policía como unha distopía, e aos propios USA como unha tinderbox, un barril de pólvora. Fano, na maioría dos casos, sen iren ao fundo da cuestión, ao análise do racismo estrutural latente na chamada primeira potencia mundial como expresión dunha relación de profunda desigualdade opresiva. Esta vénse a unir á gran fenda social e económica que é xa un elemento basilar constituínte dun estado que se foi construíndo a golpe de colonización e imposición, e expandindo a través do imperialismo.

Certamente, hai moitos elementos que fan o país estar incendiado, e non só por causa do racismo: desemprego masivo, unha pandemia que fai asomar a desigualdade económica, xente nova sen perspectivas de futuro, violencia policial, a extrema dereita a axitar a bandeira dunha segunda guerra civil e un presidente ansioso por botar gasolina en todos os fogos. Todo iso nun contexto de desfeita económica e sanitaria xeneralizada que se está a cebar nas persoas pobres de pel negra. Eis a mostra máis clara da indignidade do racismo.

Comentarios