Opinión

Pobreza

Palabra incómoda, que queremos evitar, para así tornarmos invisíbel unha realidade que está aí. Unha verdade desacougante que desafía a construción que a sociedade do consumismo fai do ideal da opulencia, e que revive os fantasmas de tempos idos. Unha lección de indecencia e desvergoña dese mellor dos mundos posíbeis que nos asinalan, onde as grandes fortunas e os gaños dos xigantes transnacionais crecen ao mesmo ritmo que a exclusión, a penuria, a miseria, a indixencia. Palabras muito incómodas, con certeza. Importunas e inconvenientes. Máis necesarias que nunca, no entanto, para nos situar na verdadeira realidade. Para non nos faceren insensíbeis, imunes ao virus da indiferenza.

Alá se foron dúas décadas de redución da pobreza extrema a nível mundial, e non apenas debido á pandemia da Covid-19, máis tamén á crecente emerxencia climática e ao aumento da débeda. Quen así o asinala é o mesmo Banco Mundial que, con grande cinismo, alerta para un “aumento verdadeiramente sen precedentes”, de 650 millóns de persoas en pobreza extrema en 2019 aos 750 millóns na proxección estimada para finais deste 2021. Causa pasmo e estupefacción que o sumo pontífice do dogma do austericidio e a inecualidade global faga agora apelos para o perdón desa débeda, a que el proprio teimou en consolidar para continuar a engordar os mecanismos do control económico dos poderosos. 

A crise económica que eles causaron pouco despois de comezar o novo milenio saldárona coa transferencia dos salarios da clase traballadora, dos autónomos, das pequenas e medianas empresas. A nova crise derivada da pandemia segue o mesmo camiño. 3’7 trillóns de dólares que, segundo a Organización Internacional do Traballo, perderon as persoas traballadoras, e con poucas perspectivas para a situación mudar. Chama a atención, ademais, que estes números en aumento non están a afectar só a quen xa vivían por baixo da liña da pobreza, marcada polos ingresos de 1’6 euros por día, mais tamén a quen vive con menos de 2’6, fóra da definición da pobreza extrema . Sinal claro de que se está a producir un grave efeito en cascata.

O noso país tamén non se salva desta nova pandemia. Como xa ten recollido este diario, máis dun terzo de galegas e galegos son pobres, cunha medra de 8 pontos percentuais en menos de un ano. E, de novo, a bater con forza na xente nova e nas mulleres, agora con maior contundencia por causa da pandemia. Chámase pobreza, si.

Comentarios