Opinión

Plurilingüismos

Non era preciso que nolo viñeran dicer os de fóra, xa nós o levábamos pregoando por activa e por pasiva. Porén, para contentamento, ou, nos máis dos casos, desgusto de quen non confía en si proprio, mais outro ano o Consello de Europa emitiu un relatorio que dá conta do retroceso do galego, que ten ocorrido no ensino desde a promulgación do mal chamado Decreto do plurilingüismo. Unha normativa que visaba o progresivo desaparecimento do idioma proprio do país no ámbito educativo, como as estatísticas confirman ano após ano, a pesar do tal decreto definir como meta a plena competencia bilingüe galego/español do alumnado. Fracaso das súas proprias mentiras. Non. Plurilingüismo non é iso, maltrato da lingua nacional con base na imposición das vellas tácticas do imperialismo lingüístico. Apor unha lingua para extinguir outra, máxime cando esoutra é a xenuína dun territorio.

Cando o proprio Consello de Europa deseñou, e a mesma Unión Europea asumiu, a abordaxe plurilingüe para a aprendizaxe dos idiomas, através do Marco Común Europeo de Referencia para as Linguas, estaba precisamente a marcar unha diferenza co conceito do multilingüismo, ou competencia en varias linguas estranxeiras que pasa, xustamente, por reducir a posición dominante do inglés na comunicación internacional. Polo contrario, a abordaxe plurilingüe ten por obxectivo expandir a experiencia lingüística e cultural a partir do idioma proprio, e ir conformando un repertorio idiomático, con outras variedades lingüísticas e culturais, que favoreza unha competencia comunicativa en que se reúnan todas esas experiencias, e en que as linguas se relacionan entre si e interaxen.

Eis o verdadeiro plurilingüismo que necesitamos na Galiza, e tamén no Estado español, tan refractario á pluralidade lingüística. Non hai mellor escenario posíbel para esa abordaxe do que a interacción entre as distintas linguas que na Península existen, para expandirmos o noso repertorio lingüístico nun plano de igualdade. E, para garantirmos a igualdade e o respeito polos dereitos lingüísticos, precisamos de mecanismos de compensación e non, é claro, de redución e apartheid lingüístico. Enfin, para propiciar paz de espírito entre quen non confía en nós propios, léanse as resolucións do Parlamento Europeo de 2013 e 2018 en que se exorta os Estados membros a se comprometeren a dar protección ás linguas europeas minorizadas e a garantir tais direitos lingüísticos.

Comentarios