Opinión

Palestina: dor e resistencia

Durante unha visita realizada anos atrás, puiden verificar como os padecimentos que sofren millóns de persoas atrapadas na súa propia terra son merecentes de todo o noso apoio á causa palestina. Vin o apartheid a que está sometido aquel pobo, partido en anacos e illado por muros de vergonza e ignominia. Ollei pas a derrubar casas en Xerusalén Leste como castigo, porque os seus donos se negaban a entregalas a prezos irrisorios, para despois as confiscaren e estabeleceren alí ocupacións. Atendín abraiado a como un profesor nos contaba que tiveran que tapiar as xanelas para evitar que o alumnado caíse na tentación de lanzar pedras aos colonos que tentaban provocalos e iniciar unha causa para fechar a escola. Fun, enfín, testemuña das penalidades do día a día de milleiros de persoas para se deslocaren no seu propio país, para visitaren os seus e, en definitiva, para vivir.

No entanto, transpasadas as barreiras infames, a vida decorre con certa normalidade na Cisxordania. Cidades como Belén, Ramallah ou Xericó son un contínuo balbordo nas horas centrais, un mercado inmenso e barullento en que as labregas oferecen a pé de rúa os seus produtos. Na primeira conviven pacificamente as dúas comunidades árabes, musulmá e cristiá, e partillan goberno municipal. Mentres, turistas percorren as rúas e cruzan a praza que une a mesquita e a igrexa, onde diversas cooperativas venden os seus produtos ecolóxicos.

Xa en Ramallah, sede da Autoridade Nacional Palestina, comprobamos como esta é unha nación con grande sentido democrático e laico onde, aínda que devagar, as mulleres se van incorporando á vida política. Pola súa parte, na bíblica Xericó vimos a innegábel vocación comercial dos seus habitantes, oferecendo constantemente bens e servizos aos visitantes que descen do moderno teleférico que os transportou aos lugares sagrados onde se di que Xesús Cristo fixo xexún corenta días e corenta noites.

Entretanto, o xendarme mundial mete máis leña no lume e tenta comprar este pobo cunhas poucas moedas. Porén, esta nación heroíca e resistente, cos seus sufrimentos e a súa vitalidade, prepárase para combater as novas ocupacións que se aveciñan e que voltarán traer dor e devastación, mentres a comunidade internacional non reacciona coa firmeza e resolución esperábel. O noso apoio solidario a esta causa da liberdade, dignidade  e dereito a existir de Palestina segue pois a representar un raio de esperanza.

Comentarios