Opinión

Os imperios contra-atacan

As desregulamentacións financeiras deron sempre paso a grandes crises económicas, que pagamos as persoas asalariadas, e crian grandes bolsas de pobreza e exclusión social. Ao tempo, os poderes económicos locais e o capital transnacional fan caixa, acrecentan descaradamente os seus beneficios e máis que triplican as nóminas dos seus executivos e conselleiros. Entre eles, moitos ex-políticos que abrazaran a causa neoliberal cando tiveron responsabilidades de goberno e que agora fan parte dos seus consellos de administración sen o mínimo rubor.

A última crise que aínda estamos a padecer ten a súa orixe nas decisións tomadas no seu día polos gobernos ultraliberais dos Estados Unidos da América e do Reino Unido. Mais axiña tiveron entusiastas seguidores que logo se apresaron en aplicar as súas receitas: Arxentina, Australia, Canadá, Nova Zelandia, Rusia e, como non, a Unión Europea. Os profetas da desregulamentación prometían un paraíso coa apertura de novos mercados e a globalización económica e financeira. E abofé que, para si, o conseguiron. As consecuencias non lles roubaban o sono.

As fusións e concentracións de poder económico tiveron visíbeis consecuencias para o noso país e contribuíron a agravar a crise e os seus severos efeitos sobre a poboación. Polo camiño, ficamos sen instrumentos financeiros, sen caixas de aforros nen banca propia, expoliáronse  e alleáronse os nosos aforros, as nosas fontes de enerxía e mesmo as nosas autoestradas. Roubáronnolos, coa anuencia dos nosos gobernantes, e agora temos que llos pagar a prezo de ouro. Así e todo, para nos faceren calar, dixéronnos que a globalización e os tratados de libre comercio eran unha regalía: ao tempo que nos chegan moitas mercadorías, tamén permiten colocar as nosas polo mundo fóra, nun equilibrio ideal. Todo conto, claro está, e ben referendado polos feitos.

Os imperios non contaban con que outro, o chinés, nunha reviravolta abrazase con paixón o seu sistema económico, ou que na América Latina a oposición aos seus planos predatorios fosen trabados por poderes executivos de esquerdas. E agora contra-atacan. Por diversas vías. Onde poden, tomban gobernos. Onde non, agora que a guerra directa virou impopular e custosa, fechan fronteiras, impoñen aranceis e embargos ou aproban leis anti-inmigratorias. Primeiro crian o caos, despois repréganse tacticamente para se prepararen para un novo contra-ataque. Chove sobre mollado.

Comentarios