Opinión

Oriente vs. Occidente no ataque ao virus

Comparativamente falando, as cifras que se desprenden da xestión da pandemia da Covid-19 no “rico e próspero” Occidente están a ser verdadeiramente catastróficas. A táboa gráfica do número de contaxios e mortes desde o comezo da pandemia en Europa e nos Estados Unidos de América non deixa lugar para a dúbida: a curva, lonxe de se achatar, continúa a se disparar de forma ascendente. O virus está a bater de forma violenta nas nosas vidas. Entre tanto, na maior parte dos países asiáticos e da Oceanía como a China, Vietnam, Taiwán, Malaisia, Tailandia, Nova Zelandia ou Australia, a vida parece estar volvendo a unha aparencia de normalidade. O chamado mundo occidental, que se gaba de acubillar as sociedades máis prósperas e poderosas do mundo, móstrase incapaz de derrotar un virus. Mentres, no outro lado do planeta a estratexia estase a mostrar exitosa, un modelo de boas prácticas na abordaxe da loita contra a Covid: bloqueala anticipadamente, facer probas masivas, rastrear, colocar en corentena, non dar tregua. En definitiva, tentar eliminar a pandemia. Non apenas nivelar a curva, como aquí se pretende, mais reducila practicamente a cero.

Fronte á estratexia oriental de saír en ataque frontal ao virus, Occidente parece ignorar a gravidade da situación e a magnitude do fracaso en combatelo, adoptando unha indiferenza e un individualismo tóxicos, e parecendo ter desistido da ofensiva e apostado unicamente nunha vacina. Quizá o que os orientais teñan, que nós non, non sexa tanto diñeiro, poder ou recursos, mais si un conxunto de valores e ideas máis humanistas. Cohesión social, confianza, respecto pola vulnerabilidade. A crenza de que todas as vidas humanas son importantes, sen importar o fráxil e indefensas que poidan ser. A capacidade de apostar no ben común, na colectividade. A sabedoría de ollar alén da idea occidental de que o diñeiro e a acumulación son os obxectivos da vida. En contraste, Occidente parece atolado en actitudes de individualismo e egoísmo, acreditando nunha indecente “inmunidade de rabaño”, ao tempo que deseña un fracaso épico, inmenso, catastrófico, na loita contra o virus, a pesar dos esforzos heroicos do persoal médico, de enfermaría ou de persoas voluntarias. Cego diante do dogma neoliberal de pór os lucros económicos por riba da saúde das persoas. E esperar até o último minuto a que os recursos sanitarios, e moi especialmente os hospitais, entren novamente en colapso.

Comentarios