Opinión

Nós, os incompletos e insuficientes

Apesar das consecuencias seren tan graves, mesmo resulta divertido nos aproximar ás argumentacións que o supremacismo español espalla con recorrencia cada vez que lle saltan as alarmas da posta en perigo dos seus privilexios. Nestas semanas voltaron os seus porta-baduadas a, por unha parte, ridiculizar e agredir verbalmente os indíxenas indómitos que se resisten á asimilación e, pola outra, coa manipulación da linguaxe por bandeira e coa constitución como mazo contra herexes infieis, a nos quereren facer comungar coas monolíticas moas dos seus rodicios da imposición e os seus pinchacarneiros (i)lexitimadores.

Relativamente á primeira das súas querenzas, o certo é que xa nos teñen historicamente chamado de todo. Desde rústicos, pailáns e zotes até exaltados e extremistas, pasando por irracionais, subversivos, delincuentes, felóns, golpistas, criminais ou asasinos. De todo, abofé. Mais aínda lles restaba por restauraren unha adxectivación ben chusqueira, ferinte e transparente da súa perversión ideolóxica, imperial e excluínte. Agora, somos tamén incompletos e insuficientes. Dixo domingo un tal Andrés Trapiello con ar de barallocas e citando literalmente Antonio Machado, no quilómetro cero do españolismo contumaz e ferreño –na “Capital da Gloria”, segundo un opinador da metrópole. Así como o ouven. Incompletos e insuficientes, de quen nada se pode agardar, xa non por nos sentirmos nós propios, senón por nos considerarmos máis nós do que alleos. Coitados de nós. Truncados, mutilados, tarados, defeituosos. A por nós, que nos falta unha cocedura e varios parafusos. Carne de cadea ou reformatorio, cando non de simples eliminación, metafórica ou real.

Alguén dá máis? Dá, si. Nos xornais desa corte tan estrada de esterco fétido e colonial. Sempre tan prontos e dispostos a conquistas manu militari e aos soterramentos, “ao nacionalismo, como ao racismo, como ao machismo, hai que o discutir, combater, vencer e enterrar”. “Igual que non admitimos un racismo soft, de baixa intensidade, ronroneos amábeis e olliños entornados, tamén non val un nacionalismo de peluche, amparado na sensiblería e supersticións” que impón “códigos prepolíticos, tributos sentimentais, galináceas oracións reaccionarias, frente ao valado racional da nación moderna”.  Xa ven, enxurrada de concordia, empatía, respeito. Se por eles fose, non teríamos nin dereito á réplica. Nen hai magnanimidade sanchista que o arranxe.

Comentarios