Opinión

Músicas e culturas da diversidade

Días de intensidade galiLusófona nos territorios da cultura, con especial destaque para a música e a poesía. Premios Martín Códax da música galega en Pontevedra e Gala aRi[t]mar galiza e portugal da música e da poesía galego-portuguesa en Compostela na pasada cuarta feira, e World Music Exhibition (Womex) no Porto na última fin de semana de outono, con representación galega, quer na faceta de xestión e produción musical quer na da representación de festivais quer na da dos produtos musicais. Nesta última, as Tanxugueiras sorprenderon o público, que ateigaba o belo e centenario Teatro Nacional de São João da Praça da Batalha, coas súa voces e as súas pandeiretas, e coa súa nova, arriscada e orixinal posta en escena.

O Womex, nado en Berlín en 1994, é unha grande feira da música mundial, que xa recalara na Galiza en 2014 e 2016. 2.500 profesionais, 260 artistas, 90 países, 7 palcos, 700 empresas, máis dun cento de conferencistas, filmes, concerto de abertura, gala de premios. Da música tradicional ás culturas da diáspora, pasando polo jazz, a música de raíz ou as músicas urbanas. Enfoque alternativo, lonxe das grandes compañías discográficas e intereses comerciais que monopolizan o mercado internacional. Unha oportunidade para as “outras” músicas, para os “outros” territorios, para as “outras” produtoras, para os e as “outras” artistas, para os “outros” festivais. Para a diversidade, o diálogo cultural, a economía produtiva e sustentábel con raíces locais. Para dar voz a quen lla negan. 

Nel, fai total sentido que o Festival Maré de Compostela, de músicas e artes atlánticas, represente o noso país, lle dea voz internacional e teza redes e cumplicidades con outras propostas internacionais que están na vangarda da diversidade lingüística e cultural, que apostan na experimentación, nas novas linguaxes musicais, nos movimentos sociais, na defensa dos direitos humanos e a sustentabilidade, no activismo musical, na representación de artistas e territorios con voz silenciada, censurada. Esa rede tamén existe e chámase Culturas 360º, un proxecto colaborativo de 9 festivais (Galiza, Portugal, Cabo Verde, Mozambique, Canadá, Cuba, Chile, México, India) nado durante o confinamento para desenvolver un evento virtual, mais que ten vocación de continuidade para seguir a nutrir a diversidade cultural e a solidariedade entre os pobos, para que a voz de todas as culturas sexa recoñecida, valorada e protexida.

Comentarios