Opinión

Monarcorrupción

Apesar dos muitos silencios cúmplices durante tanto tempo, da censura informativa e do sinalamento e ameazas a quen ousou denunciar as verdadeiras intencións e ultraxes da monarquía española desde a ditadura até o presente, os factos son tan elocuentes que xa non son capaces de os acalar. Embora a opinión pública xa teña dixerido o trago, restan poucas razóns para admitir a realidade. 5.074.294,96 euros de regularización fiscal é un número avultado demais como para ollar para outro lado. E así por diante. Mais, non nos enganemos, o réxime aínda conta con todo un exército de recursos para encobrir unha institución que é a pedra angular da súa existencia, con toda unha maquinaria ben engraxada en que cada peza cumpre a súa función. Desde os poderes económico, xudicial, político ou mediáticos. Sen se ruborizaren.

Cabe agora ao tesouro público desviar o ollar e permitir que se regularice a espoliación fraudulenta para evitar procesos penais. Ao mesmo tempo, os terminais de propaganda tentan convencernos de que foi feita na esfera privada do Borbón. Como se amasar tais cantidades milionarias puidese ter sido posíbel sen ostentar a súa condición de monarca. Entrementres, os mesmos terminais mediáticos ocultan á opinión pública a nómina dos xerifes que lle emprestaron o diñeiro para executar a regularización tributaria. Non vaia ser que se descubran os nomes e tamén a fraudulenta operación que supón facer unha doazón sen a debida tributación á facenda pública. Por arte de maxia, aquela convértese nun empréstito privado para, ao mesmo tempo, disfarzar unha nova acción delituosa de corrupción. E claro, os prestamistas-doadores anuncian que o fuxido non terá que lles devolver o diñeiro, nun novo pinchacarneiro conceptual, para esconder a realidade e a gravidade dos factos.

Todo o manto de protección cúmplice co proceder do monarca á fuga tivo no acto de lembranza do 23-F unha nova acomodación. O actual rei santificou a memoria de seu pai para que os coros do réxime fixesen desaparecer o escándalo e difundisen a mensaxe da exemplaridade do herdeiro de Franco. Esquécense de que aínda falta por esclarecer a cambio de que recibiu os 8 millóns de euros en especie. Para xa, o novo Borbón continúa en silencio e o republicanismo juancarlista, que agora virou en filipista, continúa a adoralo cegamente. Non vai ser o demo e que se derrube todo o edificio que axudaron a construír. Cábelles reforzalo.

Comentarios