Opinión

Mapuches de Wall Mapu en loita

Wall Mapu (‘territorio circundante’) é o nome das terras que habita desde sempre a etnia mapuche (‘xente da terra’), que se estende pola zona central do Chile e a Arxentina sul-ocidental. Araucanos foi a denominación que lles apuxeron os españois, e que eles rexeitan, por representar a lingua imposta a sangue e fogo para extinguiren as súas proprias, aínda vivas, a Huilliche e a Mapundungun.

Como acontece con todos os pobos sometidos, a súa é unha historia de conquista violenta, colonización, submisión, expolio e resistencia, que comezara coa expansión inca. Tras deles chegaron os españois, que acabaron co imperio incaica mais, a pesar do exterminio e as pestes levadas polos europeus, non conseguiron someter definitivamente o pobo mapuche.

Embora nos primeiros momentos da constitución dos actuais estados chileno e arxentino estes tivesen unha estratexia de non agresión e certo recoñecemento, logo comezaron o seu sometimento e nova colonización e ocupación das súas terras, moitas veces alagadas por grandes encoros e inzadas de plantacións forestais masivas. E así, a base de conflito, represión e resistencia, até ao día de hoxe, a pesar da ONU terlles recoñecido o direito á autodeterminación, nunha Declaración expresa con 143 votos. Con todo, o recoñecimento do seu como un pobo indíxena non está nen sequer recollido nas constitucións dos dous estados andinos.

Neste último decenio, a loita do pobo mapuche intensificouse e internacionalizouse, a comezar por unha serie de greves de fome de presos a quen se lles aplicou a lei antiterrorista e dobres axuizamentos. Con todo, a represión non parou, incluídos os vellos métodos das ‘desaparicións’ (Santiago Maldonado), baleamento (Rafael Nahuel), tortura ou asasinato, como o de Camilo Callitranca, quen se converteu nun ícone dos multitudinarios protestos contra o goberno de Sebastián Piñera, para alén da criminalización que se fai da loita indixenista. E así, até chegarmos a este mes de agosto, en que se acaba de producir un violento despexamento por parte dos Carabineros tras a toma de varias municipalidades por grupos de comuneiros, en apoio a Celestino Córdova. El e todos os presos políticos mapuches continúan a greve contra a represión, militarización, violencia racista e usurpación das súas terras. Esta loita dos mapuches tivo e ten unha grande valedora no noso país e en Europa: Ana da Galiza, como coñecen Ana Miranda polo mundo fóra.

Comentarios