Opinión

Identidade(s) e desnacionalización

Na pasada semana e nestas mesmas páxinas, a nosa compañeira e amiga María Pilar García Negro interpelábanos aos e ás súas colegas da terza nunha carta aberta a propósito da(s) identidade(s). Así, a partir da orixe lingüística dos nosos nomes, e con motivo do barullo mediático-manipulativo criado por unhas lóxicas declaracións da rexedora de Vic a respeito do uso do catalán como lingua de integración social, Pilar facía unha certeira análise sobre a diversidade, as diferenzas, as identidades e a autodebilitada posición comunicativa que maioritariamente se lle apón á nosa lingua cando todos eses vectores estaren presentes. As reflexións apelativas da profesora da UDC leváronme inmediatamente ás miñas recorrentes cavilacións acerca do que significa sermos galegos e galegas, da construción desa identidade nacional, de como se expresa contraditoriamente entre nós e do proceso constante na nosa historia, mais agudizado nos tempos presentes até límites alarmantes, de desnacionalización.

Moitos traballos estatísticos e sociolóxicos sobre o asunto tracexan unha evidencia empírica: os e as galegas sentímonos e definímonos como tais. Ora ben, tamén poñen en destaque o fenómeno en virtude do cal unha identidade, sinónimo de  singularidade, se compartilla de forma abondo xeneralizada entre os e as nosas compatriotas con outra ben oposta, antitética, que pretende substituír a propia. Por expresalo moi graficamente, inclúense na mesma identidade cultural a gaita e o pito rociero, o alalá e as bulerías, a rapa das bestas e a tauromaquia. Claro está, identidade non significa renuncia a aprezar, gostar ou mesmo adorar outra. Unha persoa inglesa, por poñer o caso, pode adorar as bandas de gaita escocesas e mais, por iso, non deixa de se considerar inglesa, nin adoptar unha dupla nacionalidade.

A presenza desoutra identidade entre a nosa xente non é, por suposto, inocente nin supón unha integración na “diversidade”. Véxase, se non, cal é o patrón cultural que se nos oferece, carente de todo elemento da pluriculturalidade peninsular. É un proceso político delongado que comeza pola imposición, se encontra agora no estadio da hibridación folclórica e visa chegar ao seu obxectivo final, a substitución, através da desnacionalización. A situación do idioma é un bon exemplo. Porén, é un proceso reversíbel e o noso pobo xa ten dado mostras de o querer virar en moitas ocasions. É posíbel a renacionalización.

Comentarios