Opinión

Vellarías do XIX

Nestes tempos das trolas de destrución masiva, infotoxicación e controle mediático, o cóctel de manipulación da linguaxe e ignorancia intereseira, agora que o opio do povo perdeu tantas cualidades, é perfeito aliado para embebedar as masas. Unha práctica da que a dereita retrógrada gosta tanto, mais que, cando da sacrosanta "indisolúbel unidade da nación española" se tratrar, é virus que tamén inocula a progresía española, como ben se viu recentemente. Os primeiros, tanto na central como na sucursal, prodigáronse no seu vicio nestes últimos días. Os da metrópole en equiparar democracia republicana e ditadura fascista. Os do vice-reinado en converter o que é modernidade en vellaría, o rancio en fresco, pois. E en mesturar a acepción española do decimonónico -termo que non existe en galego-portugués, tan colonizadiños eles sempre- ou sexa, da persistencia máis funesta dos antigos réximes, co dos ventos de liberdade que protagonizaron os pobos subxugados do mundo.

Pódenlle dar as voltas que quixeren, pintar a cana verde ou faceren pinchacarneiros. Porén, como dixo Pazos en Airbag, "o conceito é o conceito" e, seguindo a súa estela, imos discutilo "co fin de o discutir". Por moito que un tal Tellado, bon aprendiz de bruxo, nos quixer facer comungar con moas do muíño, os estatutos de nación, a autodeterminación ou a independencia son face ao colonialismo e ao imperialismo, o que a liberdade á escravitude, a república á monarquía, a democracia á ditadura, pór as urnas a bater nelas, encarcerar quen as puxo a santificar a quen as destruíu. Espírito libertador nacidas no XIX son as primeiras, ranciada decimonónica as segundas. Respeito polos direitos humanos universais face a conculcación dos mesmos. E nada mellor que ir á fonte limpa para nos aperceber das súas mentiras e manipulacións.

O dereito de autodeterminación é un principio basilar dos dereitos humanos. Tanto é así, que aparece recollido na Carta das Nacións Unidas, na Declaración Universal dos Direitos Humanos e no Pacto Internacional sobre Direitos Civís e Políticos, no seu preámbulo e nen máis nen menos que no su primeiro artigo, sen ningún aditamento interpretativo: "Todos os povos teñen direito á autodeterminación. E en virtude deste direito poden determinar libremente o seu status político así como tamén o seu desenvolvimento, económico, social e cultural". Pouca vellaría para tanta ansia de liberdade e progreso

Comentarios