Opinión

(Re)nomear as rúas

Na que se auto atribúe como a maior plataforma de abaixo-asinados do mundo, iniciouse unha petición, que xa chega a perto de cincuenta mil asinaturas, para lle mudar o nome á coruñesa avenida de Buenos Aires polo de Samuel Luiz. É comprensíbel unha reacción así, que reflicte a conmoción social provocada por un salvaxe asasinato tinguido de odio. Porén, tais decisións transcendentais non se deberan fechar en quente, sen a necesaria perspectiva temporal e a debida coherencia con que cumpre abordar, na súa globalidade, os rueiros dos nosos concellos.

Sen dúbida, o acto de (re)nomear rúas, estradas, avenidas ou prazas adquire un forte valor simbólico en que se entrecruzan motivos políticos, sociais e culturais, para alén das consecuencias prácticas que tal mudanza supón. No cadro dunha sociedade en conflito lingüístico e cultural como é a nosa, a renominación do nomenclátor, e moi especialmente a derivada dos procesos de urbanización, non é inocente e, historicamente, tendeu a fortalecer os deseños de asimilación política e cultural, só contrarrestados polas forzas regaleguizadoras e de restauración da memoria histórica.

Para preservarmos un dos maiores patrimonios inmateriais e culturais de toda Europa e evitarmos a súa desaparición, o criterio que as persoas estudosas e especialistas priorizan é o da conservación ou restauración da denominación tradicional e popular, moi especialmente da microtoponimia, por cima da chamada hodonimia conmemorativa ou honorífica. Un criterio asumido pola Real Academia Galega e a Asociación Galega de Onomástica, e referendado por diversos concellos do noso país, ao faceren súas as recomendacións do Grupo de expertos en nomes xeográficos da ONU. Estas inciden en que as denominacións honoríficas (de persoas, institucións, valores, vilas, cidades ou países) só se deben empregar sempre e cando non signifiquen a desaparición da toponimia tradicional. Para alén, para o caso dos nomes de persoa indícase que deberían transcorrer cinco ou máis anos desde o seu falecemento e que non cumpre usalos no caso de vítimas de calquera caste, apesar da moita dor e carraxe social que inevitabelmente aboian nas horas e días posteriores. Para elas, no momento debido e con perspectiva histórica, sempre poden ficar elementos escultóricos, edificios e mesmo mobiliario urbano públicos, facendo compatíbel así a súa memoria coa preservación do noso patrimonio cultural colectivo.

Comentarios