Opinión

Epifanías

Estamos en tempo de epifanías, das cales a máis coñecida é, na tradición cristiá, a celebración de Reis en xaneiro. O termo procede do grego, co significado de “manifestación”, e está ligado desde o inicio a eventos relixiosos, como as revelacións que lles chegaban a profetas, xamáns e feiticeiros. Así, a epifanía dos Magos de Oriente representaría a revelación do carácter divino de Xesús.

Mais a palabra deu un chouto e virou literaria co novo significado que lle deron unha e un dos grandes escritores modernistas do século pasado: a inglesa Virginia Woolf e o irlandés James Joyce. Mais se de súpeto, dun chouto, pasou de relixiosa a literaria, por que non lle darmos un novo puntapé, transformarmos a ficción en realidade e, como xa fixera Woolf, mudármola dun carácter individual a unha natureza colectiva?

O autor do Ulises dá ao termo unha función narrativa que marca o momento en que unha personaxe atinxe unha comprensión moi profunda de algo, xeralmente no desenlace dun conto ou dunha escena, como na maioría dos relatos de Dublineses e, máis significativamente, no último, Os mortos. Nel prodúcese unha epifanía final, que parece condensar todas as anteriores, e co mesmo fío condutor, asociadas a momentos de parálise. Joyce retratou unha Irlanda paralisada, nuns intres decisivos da súa historia. N’Os mortos, a tal epifanía do protagonista, Gabriel, foi lida por algunha crítica como a revelación e a toma de consciencia de Irlanda e da súa unidade, simbolizadas pola neve a caer sobre todo o país, unindo vivos e mortos.

Como na Irlanda de Joyce, por veces parece que o pobo galego fica paralisado diante dunha situación de impase, con moita fasquía de retroceso, como a se deixar levar cara á deriva por cantos de serea. Mais, como en Dublineses, após a parálise pode e debe chegar un arrepío epifánico que nos faga reaccionar.

Estamos en tempo de epifanías, si, mais tamén de propostas e resolucións para o novo ano. A comezar pola nosa lingua. Non pode ser que a peza central e milenaria da nosa identidade, que resistiu contra vento e maré situacións ben máis complicadas, se esborralle e esmoreza. Sen ela, non hai proxecto colectivo, nin futuro como país. Precisamos pasar da revelación dos datos negativos para a acción. Da epifanía de natureza individual á consciencia colectiva, como a empregara Virgina Woolf nos seus romances. Da vontade, propostas e resolucións, á transformación da realidade.

Comentarios