Opinión

Electrocusión

Nevarada intensa e paralizante en toda España, seique. Está ben sabelo, por se aló viaxarmos. Cando alá chove ou raia o sol, aquí tamén. Por decreto. A pesar da realidade. Mais coa nosa lingua pequena dicemos que, por moito desacougo existencial que poida causar aos españolazos de a pé, o feito diferencial climático tamén existe. E perante a súa indignación e burla, no noso aquel fica a certeza de que non o han poder mudar.

Porén, a cara de parvos e a indignación renovadas son nosas cando, no medio desta vaga de frío polar, as donas disto todo, as eléctricas, nos pretenden electrocutar cunha suba desavergoñada da tarifa. Disque a culpa é da demanda e de que teñen que producir máis aínda. Novo engano. Sabemos botar contas e non, non somos idiotas. Máis demanda, máis consumo, máis ingresos. E resultados á vista. En 2019, as grandes corporacións eléctricas españolas (Iberdrola, Naturgy e Endesa), acadaron 13’6 millóns de euros de beneficios diarios. 4.983 millóns de euros no exercicio anual. Un lixo nun ollo, vaia, que, aínda así, da para que os seus directivos, caso do presidente de Iberdrola, poidan ter unha modesta remuneración anual de 10 millóns de euros. No entanto, non está el muito aflito, porque as estimacións prevén que, no caso da súa empresa, os gaños continúen a medrar de modo a superar a barreira dos 4.000 millóns de euros en 2022.

Maior produción, maiores lucros. E maior espolio dos nosos recursos, por suposto. A nosa Terra non era nosa, mais de FENOSA. Agora, nen por iso. Galiza é potencia na produción de enerxía que empresas foráneas chuchan directamente dos nosos ríos e dos nosos montes, para despois cotizaren en bolsa e pagaren IRPF e imposto de sociedade en Madrid. Dobre confiscación, pois. Ou tripla. Porque, a pesar de que co que producimos poderíamos ser autosuficientes no que di respeito á enerxía, pagamos os nosos recibos como se os recursos viñesen de alén-mar, poñamos por caso. Principio de solidariedade territorial, polo que, di España, non se pode aplicar unha tarifa galega, mais unha tarifa plana. Un planazo. Para o que lles convén. Porque esa solidariedade non a teñen connosco á hora de nola aplicar na extorsión das portaxes das autoestradas. Aquí, si, tarifa galega. E a apandar. Pois, como París para Rick e Isla en Casablanca, para galegos e galegas sempre pode ficar tamén a resignación melancólica. Ou reaxir para mudar as cousas. E sempre ficará Muras. 

Comentarios