Opinión

Educación para a formación integral e o benestar emocional

Embora se producisen avances, ao deixar atrás algúns dos aspectos máis retrógrados da involucionista LOMCE, a lei estatal educativa en vigor deixou pasar a oportunidade de converter a educación nun verdadeiro motor de mudanzas sociais en chave progresista, realmente modernizadora, laica e, no noso contexto nacional, regaleguizadora. Parece que non era pedir moito e, nese senso, os cativos avances retratan tamén aos seus impulsores. En calquera caso, para que esas mudanzas estruturais se puidesen vir a verificar no noso país, un goberno galego digno de tal nome, tería que propulsar a aprobación dunha lei galega educativa propia.

Moito pedir, é claro, para un executivo que, en vez de aproveitar o incremento da porcentaxe de regulación curricular para paliar a clamorosa ausencia de contidos propios, en materias como a de Historia aprofundiza nos mitos ao servizo de intereses antigalegos, nunha clara piscadela á tarefa enunciada polo seu ex ministro de Wert de "españolizar", quer dicer, de esmagar as identidades nacionais. Iso si, logo enseguida, o conselleiro do ramo non tivo o mínimo problema en cualificar de "adoutrinamento" a materia que introduce contidos de valores cívicos e cidadanía.

Ademais destas lindezas, a direita española teima nas mesmas estratexias que levaron a un verdadeiro colapso do sistema educativo, cun modelo baseado en supostos méritos e esforzos, que pasa pola memorización acrítica e non significativa de contidos que eles chaman "troncais", para alén da insistencia no frío valor numérico da avaliación, non formativa nin globalizada . Un modelo do século XIX para unha educación do XXI. Desde logo, se un observar os sistemas educativos máis exitosos da nosa contorna, en termos do papel que deben xogar na formación integral das nosas futuras persoas adultas, os tiros non van por aí.

Infelizmente, a nova LOMLOE, tamén non garante eses estándares de éxito e calidade educativa: educación totalmente pública e gratuíta, incluídos materiais escolares e transporte; xornadas escolares reducidas, con amplos descansos entre elas; autonomía dos centros e das equipas docentes con grande capacidade decisión; currículos dinámicos, innovadores e non centralizados; profesorado de apoio en todos os centros para garantir unha verdadeira inclusión; ratios reducidas, con atención individualizada; ou recoñecimento social e laboral do persoal docente, tamén en termos salariais e profisionais. E, sobre todo, medidas efectivas para encarar de vez un aspecto que nestes días se revela, en forma de drama, como unha das maiores fallas que apresenta o noso sistema educativo, vicario do español: o benestar emocional do alumnado, moi especialmente do alumnado adolescente, que non se vai conseguir con deseños cosméticos e oportunistas, que afondan na abafante burocratización e non veñen necesaria e convenientemente dotados de recursos humanos e materiais.

Comentarios