Opinión

Desfagan xogo, señoros

Acomezos deste mes entrou en vigor a nova normativa estatal sobre publicidade dos xogos de apostas, após nove meses de ser publicada no BOE, para lle tentar pór couto á escandalosa incitación ao seu consumo impulsivo e, en moitos casos, destrutivo. O Real Decreto chega cargado de polémica e presións por parte da industria e dos grandes medios de comunicación, que tamén amasan fortunas a costa desta lacra social. Grupos mediáticos como Prisa, Unidad Editorial ou Vocento, e moitos outros, presentaran no seu momento un recurso contra a norma, mentres que os poderes económicos e políticos, vinculados principalmente á dereita española, xunto coas equipas de fútbol, conseguían que se prorrogase, co consecuente resultado dun bombardeamento publicitario que medrou de maneira miserábel. No noso país, o xornal que acolle esta columna de opinión tracexou tamén a escandalosa rede de intereses comúns cruzados entre os empresarios do xogo e a actual clase dirixente galega.

Embora o texto legal non vaia conseguir desenmarañar todo ese tecido perverso, que provoca resultados tan daniños para moitos sectores sociais, pode considerarse un primeiro chanzo para por couto á obscena incitación que desde a publicidade, e a través dos medios, se lanzou a diario, sen advertir con clareza e contundencia dos riscos que comporta o xogo, e que tantas veces provocan patoloxías. Chega tarde, é verdade, para reverter moitos danos xa causados, mais abre a porta a minimizar o impacto negativo que esta actividade ten para a vida de moitas mulleres e homes. 

Varias son as medidas que poden contribuír para que persoas xa adictas ao xogo, e outras que poderían vir a se converter, consigan ver diminuída a súa doenza: a restrición horaria da publicidade en radio e televisión entre a 1 e as 5 da madrugada; o formato do anuncio mesmo (non se poderá ocultar que o gaño no xogo é mero azar, nen mostrar diñeiro ou artigos de luxo, nen suxerir que apostar significa mellorar as habilidades persoais, a sedución ou o éxito sexual); a prohibición de figuras públicas apareceren na publicidade, como tamén non poidan seren camisolas ou valados publicitarios de fútbol os que lle dean soporte; o fin do “diñeiro gratis” e as promocións; unha maior protección a menores; menos anuncios na Internet, ou o control nas redes sociais. Portas á esperanza para non lles facer o xogo aos que venden ilusións e se lucran a costa de desfaceren vidas. 

Comentarios