Opinión

Unha decisión valente e certa

A escasos días para se celebraren as eleicións ao Parlamento Galego, o cenario permanece aínda aberto e impredicíbel. Grande parte do corpo eleitoral apresenta unha sólida fidelidade ao partido no que tradicionalmente votaron. Outra faixa transvasará as súas papeletas de votación dunha para outra formación. E parece claro que as persoas que aínda non decidiron o sentido do seu voto serán a chave para inclinar a balanza. Galiza pode acordar o día 13 de xullo dando continuidade ao que xa temos ou dar unha viraxe e abrir unha nova etapa.

Será cos inquéritos posteleitorais cando saberemos a que se debían as dúbidas destas persoas e cal foi finalmente a decisión que tomaron. Mais podemos intuír que parte dese eleitorado flutúa, por un lado, entre un panorama de presuntas certezas que o aparato de propaganda gobernamental construíu, mais que non se acaba de ver, e a incerteza que produce calquera mudanza, aínda cando se anseie. Por outra parte, as vacilacións estarán presentes á hora de escoller a forza e a persoa que mellor simbolice ese novo rumo.

A todas elas se teñen que dirixir as organizacións da esquerda que pugnan polo liderado dese goberno alternativo que xa se albisca. O labor non é fácil, sobre todo para o nacionalismo, posto que non se xoga en igualdade de condicións. Aquí polo cerco mediático e o carácter manipulador dos medios de comunicación públicos e boa parte dos privados. E no panorama estatal porque a visión bipartidista e en clave madrilena deforma a verdadeira realidade. Mais esas son as inxustas regras coas que se xoga e coas que sempre se xogou. E agora de forma acentuada, ao se desenvolver esta campaña nun cenario inédito onde a sensación non é precisamente a dun ambiente eleitoral en que as propostas alternativas poidan chegar á poboación.

Porén, hai unha outra variábel que pode mudar a dirección á que apontan moitas das enquisas. A da ilusión esperanzadora que transmite a confianza necesaria e tracexa un futuro diferente. Unha mudanza radical que poña as persoas, o seu benestar e a súa felicidade no centro de todos os intereses, no obxectivo de todas as políticas públicas. Unha viraxe que proxecte un país confiante en si proprio, nos seus recursos, nas súas potencialidades, nas súas xentes. Da man dun liderado tamén diferente, empático, auténtico, amábel, abranxente, feminino. Un liderado merecedor de toda a confianza para tomar unha decisión valente e certa.

Comentarios