Opinión

De que crise me fala?

Agora ás crises económicas tamén lles din depresións, non precisamente polos sufrimentos que causan entre a xente do común. O importante é o tocadas que poden ficar as “súas” economías, as do capital transnacional especulativo. De facto, as verdadeiras crises son esas, por moito máis grave que poidan supor a crise climática, ou as anunciadas da extinción masiva e a grande implosión, cando este sistema predador esgote o pouco que reste dun planeta moribundo e todos os ecosistemas acaben por se esboroar. Porque, por máis que o Norte continúe co seu pensamento máxico de que o Sul é inesgotábel, e de que a metade do mundo poida vivir á conta da outra metade, logo bate coa realidade dese esquema de explotación estar xa a estourar nos seus propios dominios.

Agora fálase da evolución en V. Estábamos, seique, na cima do progreso, imos pasar por unha nova depresión e moi logo ascenderemos a onde estábamos. E voltarán a nos dicer que nunca antes nos fora mellor. Mais o que estes gurús neoliberais non pregoan é que a maior parte da poboación xa leva “deprimida” durante a maior parte da súa vida. Porque depresión é que os ingresos da sociedade diminúan e mingüen ao longo do tempo.

Que llo digan, se non, aos “millenials”, con ingresos ínfimos, tanto que non se poden permitir vivir fóra da casa familiar para iniciar un proxecto de vida digno de tal nome, amordazados nunha depresión psicolóxica xeral, coa percepción de que todo pode piorar. E, relativamente á depresión económica, xa nunca coñeceran outra cousa. Ou que llo conten ás persoas de mediana idade que xa viviran a crise dos setenta, a dos noventa e a “gran recesión”, e que agora ollan con angustia o futuro das súas pensións. Ou que llo expliquen aos nosos vellos e vellas, que sumaron a todas esas a miseria da guerra e o fascismo, e agora ven como os seus coidados se lles confían aos fundos abutre.

Polos movementos que xa están a facer os de sempre, a cousa non pinta ben. Se callar, o coronavirus vai actuar como un grande acelerador desa depresión continua e invisíbel que xa sufría a sociedade, e provoque un efecto de substitución definitiva dos postos de traballo minimamente decentes, e as pequenas e medianas empresas, polas megacorporacións que xa campaban ás súas anchas, mentres se instala a precariedade permanente. A non ser que, desta vez si, se faga todo o contrario que na anterior e se rescate as persoas e a economía produtiva.

Comentarios