Opinión

O liderado da esperanza

Todo proxecto colectivo precisa de liderados. Cando se menta a palabra, moitas persoas receian dela, por veces con razóns abondas e exemplos de liderados que constituíron verdadeiras catástrofes para a humanidade, ou para a cidadanía de estados e nacións. Non fai falla ir muito lonxe, nen no espazo nen no tempo, para mostras contundentes.

Mais, como en todo na vida, hai líderes e líderes. E, sobre todo, como non é apenas unha cuestión de talante natural ou convencimento persoal, mais tamén de aprendizaxe e experiencia, hai estilos e estilos de liderado. Con competencias ben definidas para cada un deles que contornan determinados modelos, embora todos os liderados poidan ter en común que existe un proxecto en que se cre firmemente e se é capaz de conducir un colectivo cara á consecución dese proxecto. Parafraseando Castelao, o verdadeiro liderado, que el identificaba como heroísmo, consiste en converter os soños en realidade. As teorías sobre liderado apuntan a certos modelos simplificados (carismático, visionario, democrático, "deixar facer", orientado ao equipo, orientado ao proxecto….) e, como tais, con certo reducionismo, aínda que existe certo consenso en que o modelo máis acaído é o do liderado transformacional. Quer dicer, un liderado con grande capacidade de visión que se rodea dunha boa equipa, á que consegue trasmitirlles esa capacidade para conducir a súa organización aos obxectivos marcados.

E que a persoa que asuma ese rol teña unha serie de competencias e comportamentos persoais aptos, como unha actitude decidida de mudanzas e transformacións, o traballo en equipa, non confundir autoridade con autoritarismo, boas competencias comunicativas, motivadoras, empáticas, con autocrítica, facer prevalecer o colectivo, capacidade de adaptación.. Isto é a teoría, sobre todo cando se fala de organizacións sectoriais, sexan da índole que foren. Mais cando se fala dun país, a cousa é bastante máis complexa. Porque, se ben pode ser certo que ese estilo e modelo desexábel é importante, require doutras cualidades. Sobre todas elas, a de transmitir proximidade, credibilidade, coherencia, inclusividade e, moi especialmente, esperanza para o seu pobo. Domingo, na Coruña, cidade de fondas raizames galeguistas, aberta e atlántica, confirmouse ese liderado e, sobre todo, esa esperanza en que cabe todo o país. A esperanza da razón, a de esperar contra toda a esperanza para rectificar a historia.

Comentarios