domingo 19/09/21

No nome da (súa) democracia

Surprende a pasividade e relativa tranquilidade con que as potencias imperiais occidentais observan o definitivo regreso dos talibán ao Afeganistán, tras a queda de Cabul. Moito cheira a que as primeiras, que decidiran semanas atrás finalizar a ocupación do país tras décadas, xa coñecían perfeitamente a folla de ruta e desenlace final do avance das forzas fundamentalistas que agora voltan ao poder. Aínda que esta visión poida parecer un bocado maliciosa, á historia recente nos remetemos, cando o imperialismo chantou a súa bota sobre esta nación asiática, a camiño do sul, leste e oeste do continente, nunha cobizada posición xeoestratéxica desde tempos remotos.

Cómpre lembrar, si, e recordar que en 1978 se instaurou alí un Estado socialista, apoiado pola URSS, que desenvolveu un ambicioso programa modernizador e reformista con medidas como a prohibición da produción de opiáceos, a volta á legalidade dos sindicatos traballistas, a desaparición dos lucros abusivos, a criación dun salario mínimo, a rebaixa substantiva dos prezos dos produtos de primeira necesidade e, visto o visto, a medida máis revolucionaria e progresista, o recoñecimento legal dos direitos das mulleres, igualados aos dos homes, e a non teren que vestir velo, ou a abolición do dote e a integración no mundo do traballo, a educación e a política. Demasiada modernidade para un país paria, debeu pensar Occidente e Arabia Saudita, quen non dubidaron en apoiar económica e militarmente grupos radicais armados, tamén aguilloados polo Paquistán o que, finalmente, resultou na chegada ao poder dos Mujahideens. A partir daí, o relato é sabido: ocupación militar, bombardeamentos, caos e, finalmente, esmagamento dos direitos humanos máis básicos. No nome da democracia, unha das máis crueis ditaduras teocráticas. Tamén coa compracencia do Irán, os Emirados Árabes Unidos e mesmo a Rusia.

Unha cena de caos, destrución e empobrecimento social e económico que se repete en todas e cada unha das intervencións armadas e declaracións de guerra dos USA e lambecús, chámense Afeganistán, Irán, Libia ou Iémen. Ese é o balanzo final que arrepía e estarrece perante as dramáticas situacións por vir, moi especialmente para as mulleres, á que lle pon angustiosa voz a alcaldesa Zarifa Ghafari: «Estou sentada á súa espera. Non hai ninguén que nos axude […] Virán por xente como eu e asasinaranme. Non podo deixar a miña familia. E de todos modos, onde ía ir?».

comentarios