Opinión

Xustiza climática

É un facto irrefutábel que o 1⁰C de suba das temperaturas a nivel planetario está xa a prexudicar as nosas vidas e a afectar a todos os países do mundo. Mais, relativamente ás súas consecuencias, faino de forma desigual para as persoas, dependendo da súa clase social e nivel de rendas, e para as nacións do mundo, en función do seu grao de soberanía ou dependencia. Quer no clube dos chamados países ricos quer no dos realmente países pobres.

Perante tais desigualdades cumpre xustiza climática e enerxética, equilibrar a balanza, reparar os danos ás vidas desas persoas e aos territorios e, como en todo proceso de tal fasquía, pedir responsabilidades a quen máis contribuíu á crise ambiental. E aínda, impedir que, máis unha vez, a factura da chamada transición enerxética profunde no abismo das diferenzas entre o Norte e o Sul, entre os centros e as periferias. Na actualidade, após as secas e tempestades sen precedentes que están a ter lugar, millóns de persoas están a pasar fome na África subsahariana, onde as mulleres teñen que camiñar cada vez máis quilómetros para teren acceso á auga potábel.

Na India e no Paquistán, con temperaturas que chegan aos 51⁰ no verao, estanse a rexistrar graves problemas de saúde, por cima das xa catastróficas consecuencias da actual pandemia. En países centro-americanos como Guatemala, paralelamente á redución das colleitas por causa das alteracións climáticas, están a se espallar as doenzas, mentres que en Bangladesh a auga do mar envelena as explotacións agrogandeiras e forza as persoas a deixar de vivir da terra e ir para as xa acuguladas cidades, aceitando situacións de explotación laboral.

O impacto das mudanzas climáticas globais está a tamén a bater nos países ricos, como recentemente vimos coas vagas de temperaturas extremas no Canadá ou as inundacións na Bélxica e na Alemaña. Mais, para alén das tráxicas consecuencias mortais, é evidente que os danos materiais e as desfeitas causadas non van ter efeitos devastadores para as persoas como acontece nas grandes tormentas que arrasan por completo países como Haití. No entanto, todo parece indicar que os remendos que se lle queren pór á situación van perpetuar as inxustizas e desigualdades.

Mal pode dar unha solución xusta quen causa os problemas e llos fai asumir a terceiros, quen defloresta os pulmóns verdes do planeta, alaga terras de labor e depreda recursos naturais para o seu proprio proveito.

Comentarios