Opinión

Pranto por Ence

Mentres moitos e moitas celebrábamos na pasada sexta feira a luz que se albisca ao fundo do túnel para a recuperación da Ría de Pontevedra e, por extensión, a contribución galega á preservación do planeta, o goberno galego lamentaba. Triste é o cantar que eles cantan, viña a dicer un portavoz oficial. Pranto polo “golpe irreversíbel” á Galiza. Pola anulación da prórroga á concesión ilegal da pasteira pontevedresa. Pola labazada ao deseño eucaliptizador. Polo fracaso do todo ou nada. Pola fidelidade aos intereses privados amigos por cima do ben común.

Pranto que se converte en negacionismo sobre as mudanzas do clima. Como se fosen unha entelequia, unha praga bíblica que non se constrúe pinga a pinga, día a día, ano a ano, 63 xa neste caso. No mesmo día en que se produce unha catástrofe no corazón de Europa e a súa clase dirixente leva as mans á cabeza, a lamentar ter subestimado o que é obvio, o que xa non é un fantasma, mais unha realidade. Como se o aumento da temperatura media e a diminución das chuvas non fosen o caldo de cultivo para os incendios, cada vez de máis grandes dimensións, máis virulentos e difíceis de combater, pola súa capacidade e velocidade de expansión. Como se, a consecuencia do desconxelamento continental e o aumento das temperaturas das augas oceánicas, a suba do nivel do mar, que ameaza as nosas costas, fose un conto chinés. Como as secas e a desertización. O aumento das temperaturas e as vagas de calor, con consecuencias letais. Os fenómenos meteorolóxicos extremos. As mortes prematuras por respirarmos ar contaminado. As afectacións das producións agrícolas tradicionais e  da gandaría extensiva. A erosión e aridez do solo. A desaparición das abellas e o seu traballo polinizador e a expansión de predadoras como as velutinas. As ameazas para a pesca e o potencial máximo de capturas. O dióxido de carbono na atmosfera e as súas consecuencias sobre os alimentos que inxerimos.

Pranto dos nosos gobernantes, que se alían cos infractores e non co interese xeral. Que lles fan chiscadelas a quen acosa as autoridades locais polo seu compromiso ambiental e non apoian, como lle correspondería, unha cidade exemplo de boas prácticas de desonvelmento sustentábel, con destacábel contributo á loita contra a mudanza climática. Que fan deixación de responsabilidades na procura de alternativas. Só pranto por quen destrúe a ría. Para quen a defende, nen sequer bágoas de crocodilo.

Comentarios