Opinión

Carvalho na lembranza

Para un mozo ávido por se mergullar na alma do seu pobo, ouvir e falar con quen representaba o grande vulto da intelectualidade nacionalista producía unha mestura de fascinio, admiración e auto-afirmación. Era a mesma sensación que experimentara ao ouvilo o ano anterior, na Facultade de Económicas de Santiago, a encerrar os encontros sobre o estado da normalización lingüística, cunha profética intervención e unha elegante denuncia da proscrición á que estaban sometidas as ideas lingüísticas que el coherentemente profesaba: “Situaçom presente e orientaçom futura dos problemas gerais da nossa língua”.

O grupo de xente nova que por volta de 1987 decidimos organizar unhas xornadas de literatura de autoría estradense precisábamos alicerzar o noso compromiso vital co país partindo dun coñecemento profundo da nosa realidade, da nosa cultura, do noso pobo e desde as nosas propias raíces. E a figura de Carvalho supuña a referencia fundamental polo seu compromiso, por ser o elo de conexión entre as Irmandades da Fala, a Xeración Nós e o activismo político nacionalista, cando el era tamén novo como o éramos nós na altura, con aquel noso presente. E abofé que non defraudou. Don Ricardo chegou á vila, acompañado da súa fiel discípula Aurora Marco, e aproximouse a nós con paso demorado e pulcritude no trato, e cativounos coa súa auctoritas desde o primeiro momento.

Carvallo tracexou aquel día unha demorada panorámica polas achegas das terras da Estrada á literatura galega cun proemio introdutorio que fortaleceu aquela nosa porfía en aprofundar na nosa identidade máis próxima. As súas palabras continúan a ecoar nestes tempos de uniformización: “É mui provinciano, no pior sentido da palavra, ligar-se ficticiamente com as modas forasteiras. Onde quer que haja um sentido de dignidade verdadeiramente arraigado no coraçom, existe tamen o interesse de pór de relevo o trabalho, o labor, o património artístico e cultural dos lugares onde nascemos, dos lugares onde vivemos. Nom é próprio dos presentes dias, que se medem com parámetros universais, encerrar-se parroquialmente na clausura do nosso recanto. Mas o mundo, o universo, a realidade cultural cosmopolita, nom é outra cousa que um artifício sem sentido, sem sentimento e sem raigame, se nom se constitui coa soma das aportaçons que cada um fai ao labor geral, partindo nobremente, orgulhosamente, honradamente, decididamente, daquilo que lhe é próprio”.

Comentarios