Opinión

Canta(s) Galiza(s)?

No meu bairro, a Galiza das xanelas e galerías –poucos balcóns no país das chuvas, até niso somos, a pesar de todo, “sitio distinto”– sumouse ao concerto coral de rúa cunha melodía global, ou sexa en lingua inglesa e de factura USA, o I Will Survive, de Gloria Gaynor, após os días iniciais cando só se escoitaban salvas de palmas. Co pasar das xornadas logo se incorporou o Dúo Dinámico e o seu Resistiré, non fora ser que a malta virase demasiado cosmopolita e se esquecese do particularismo hispano. E xa, na xornada de onte, apareceu a galeguidade politicamente correcta, nunca mellor dito, co Xuntos de Juan Pardo... e da sucursal deputacional do PP. Aínda ben que a festa rematou minimamente ben e se pechou coa Rianxeira, ese noso himno nacional B, por máis que no rueiro de cima estivese toda a tarde a soar flamenco. Todo moi previsíbel, se ben que noutros bairros doutras vilas e cidades dominase a música autóctone e tras das ondiñas veñen chegasen as músicas dos Diplomáticos ou os Resentidos.

Decerto, a música, sempre tan ligada á lírica, é tamén a expresión intensa dunha colectividade a falar por si propia. No noso caso, o país construíu desde a súa mesma orixe o seu xenuíno repertorio musical, transmitiuno de xeración en xeración, adaptouno aos tempos e ás modas e mesmo o afortaleceu nos tempos presentes, cunha vizosa produción, de calidade, moi transversal e variada en estilos, formatos, audiencias e mesmo idades. De forma parecida acontece coa poesía, a literatura en xeral, o teatro e demais artes. A cultura toda, pois. O pobo galego criou e mantén a súa voz propia, non hai dúbida. Contodo e infelizmente, moita da súa prole mudou de son, tamén relativamente á música.

A cuestión dá para a debullar devagariño, mais tamén para unha matinación e reflexión para min recorrentes: é evidente que Galiza, como realidade histórica, cultural, xeográfica e mesmo política hai só unha. Que, obxectivamente, é unha nación, mesmo recoñecida por quen a nega (nacionalidade é obviamente sinónimo e eufemismo do termo; “conjunto de personas de un mismo origen y que generalmente hablan un mismo idioma y tienen una tradición común”, para a RAE) é incuestionábel, conxunturas políticas á parte. Mais unha nación que se expresa de formas diversas, mesmo para a negar. Unha Galiza con varias galizas dentro, a conviver de forma contraditoria. A cantar e ouvir melodías diferentes. Mais sen deixaren de ser unha.

Comentarios