Opinión

Abríronse as grandes alamedas

"...máis cedo que tarde, hanse abrir as grandes alamedas por onde pase o home libre para construír unha sociedade mellor", vaticinou Salvador Allende no seu último discurso. E, case corenta anos despois, onte cumpriuse a súa predición e as alamedas, literalmente, enchíanse de pobo, sedento de paz e xustiza. Un descendente de catalás e croatas, Gabriel Boric, conseguía a fazaña de devolver a esperanza ao seu pobo, nunhas votacións que se prevían moi competidas mais que, finalmente, lle deron unha incontestábel vitoria. Ou, visto doutro modo, que lle permitiron inflixir unha contundente derrota a quen branquea a ditadura fascista que acabara coa democracia e co presidente Allende. Unha primeira lección, non só para o Chile e para América, senón para todo o mundo. É posíbel frear a extrema direita e o fascismo.

Mais, alcanzado tal obxectivo fundamental, a chegada de Boric e a súa coalición de esquerdas vai supor, ademais, devolver a dignidade a un pobo chileno arruinado polas políticas neoliberais iniciadas polo ditador, que o candidato derrotado propoñía mesmo agravar, despois das protestas masivas, con ducias de mortes, acontecidas no ano 2019. A receita do presidente eleito de 35 anos, o máis novo de toda a historia do país, está lonxe de ser revolucionaria: criar un estado de benestar nun dos países coa maior fenda de ingresos, onde un por cento da súa poboación posúe 25 por cento da riqueza, e cunha grande maioría totalmente endebedada, ao ter que pagar integramente, ou en grande medida, pola educación e a sanidade, e sen un servizo público de pensións. "Se o Chile foi o berzo do neoliberalismo na América Latina, tamén será a súa cova", dixo Boric en campaña. A redución da semana laboral de 45 horas para 40 será outros dos seus grandes obxectivos.

Ademais de reparar a catástrofe social provocada por políticas económicas predadoras, o novo presidente terá tamén que acabar coas constantes violacións dos direitos humanos, como o que están a sofrer as persoas que participaron nas revoltas de 2019,  que levan detidas dous anos, á espera dun xuízo. Entre elas, representantes lexítimos do pobo mapuche, que teñen tamén depositadas todas as súas esperanzas no mandatario. Onte, no seu discurso tras a vitoria, prometeu defender o respeito polos direitos dos "pobos orixinarios", e comezou a súa alocución en lingua mapuche. Para ela, e para o seu pobo, abríronse tamén onte as grandes alamedas.

Comentarios