Opinión

Á lus do candil

É ben magoante que quen se supón que debe coñecer e respeitar os símbolos e as referencias da cultura popular do seu país os empregue na loita política como arma de rebolo. Nada novo, porén, en quen precisamente ousou e ousa andar a paus co idioma que, cando menos, debería protexer por mandato estatutario. Como xa se ten dito, o único caso dun gobernante que se atreve a deseñar unha política de exterminio da lingua do pobo que, por dicelo sen cualificativos, goberna. Cando alá polo mundo fóra se relata esta circunstancia a cara e a expresión dos interlocutores é todo un poema. Poema tráxico.

O candil é, sen dúbida, unha potente alegoría da cultura inmaterial do pobo galego, a partir dun elemento ben material que traía luz ás tebras, arredor do cal se foron tecendo estorias, contos e lendas populares, que tan ben deixou retratados Ánxel Fole. Cultura popular e realismo máxico, si, elevados ao sublime, na máis pura tradición universal, como nas Mil e unha noites ou no Decameron, mais tamén na transición do conto á modernidade, encetada por Edgar Allan Poe. Para desgraza do cosmopaletismo e de quen adoura cegamente becerros de ouro alleos como indigno esconxuro dos proprios. Dos mesmos que en camuflaxes eleitorais nomean e abrazan o nome do seu país en van, e de paso tamén os executivos do oligopolio, para despois o entregar a intereses espúreos e foráneos, a comezar polo día mesmo a seguir da súa vitoria.    

Por moito que aqueles tempos de miseria material, mais dunha autenticidade de vida plena, se fosen superando no benestar, o mérito non foi, nen de lonxe, deses superamigos, desas súas amizades perigosas con soldos estratosféricos, que, en compensación, lles dan entrada através das portas automáticas e xiratorias, mentres criban os comúns das mortais cos seus tarifazos. Non tal. Do candil á depredación e ao espolio hai un abismo insalvábel, para alén dun ben facer, evolución e prosperidade, cos pés na terra, frente á destrución dos espazos naturais e da economía produtiva do noso rural, dos nosos mares, da nosa terra. O candil é un chanzo máis na procura de solucións acaídas e sustentábeis na procura do benestar como, no caso da enerxía, o foron o que veu a seguir, cando se puxo ao servizo das persoas. Os renegados do arado nunca o entenderán e sempre estarán dispostos a nos vender ao mellor postor e disfarzalo de falsa modernidade. Mais que deixen xa en paz os nosos candís.

Comentarios