Opinión

Un novo calendario escolar

Parece que a Consellaría de Educación quere cambiar o calendario escolar, un tanto ás agachadas, pero iso pretende. Nós levamos moitos anos demandando ese cambio, pero non desta maneira.

Se falamos dun novo calendario escolar, falemos en serio. A consellaría quere suprimir a convocatoria extraordinaria en setembro. Estamos de acordo en que hoxe non é ningún éxito do sistema, máis ben todo o contrario. Aproba só unha parte do alumnado e cun custo altísimo para as familias e para eles mesmos.

Pero cal debera ser a alternativa? Unha arroutada como a que nos presentan ou un estudo serio de oportunidades ? Terá que ser a que garanta que vai acadar mellores resultados do que se demostrou até agora, por lóxica.

Se non imos mellorar o que temos, mellor non tocamos nada. Bastantes eivas ten xa o noso sistema de ensino público como para aumentalas. E se tocamos, aproveitando que temos enriba da mesa unha nova lei de educación, fagámolo coa intención de comezar a facer as cousas un pouco ben no eido educativo, para variar.

É cuestión de números e de datas e, sobre todo, é cuestión de atopar a fórmula para acadar ese ensino no que se garanta a igualdade de oportunidades. Temos as ferramentas suficientes, e o sistema ten a capacidade de prestar ese reforzo que precisa o alumnado para afrontar con garantías de éxito as probas da convocatoria extraordinaria, pero dende logo non en menos de dúas semanas, que é o que aparece na proposta da consellería entre as dúas convocatorias que sitúan no mesmo mes de xuño.

Cómpre non nos desviar do tema, aquí o importante é o alumnado e os resultados teñen que verse nel, en toda a mocidade; ou non son a inclusión e a equidade as dúas columnas básicas do Ensino Público? Non se lles enche a boca dicindo que temos un Ensino para mellorar a sociedade? Pois non fagamos experimentos nin poñamos escusas. As leis de educación teñen que ser eficaces. Temos que facer que sexan eficaces.

Se hai que mudar de calendario escolar, mudarase, hai que falalo e pensalo moi ben, apoiándose nas persoas con experiencia pedagóxica e, dende logo, mantendo un constante diálogo coas partes interesadas: o alumnado e nós, as súas nais e pais.

Comentarios