Opinión

Violencias

Recentemente asistín coa miña filla (+4) a unha montaxe para público familiar do Romeo e Xulieta de Prokofiev, con música da RFG apoiada por monicreques que representaban as escenas da traxedia. A historia provocou un grande impacto nas crianzas que me acompañaban, que nos pedían explicacións ás adultas. Por que se baten? Por que son inimigos? E, sobre todo, por que Romeu, e despois Xulieta, deciden quitarse a vida? Demasiadas preguntas, poderíamos pensar. Que necesidade hai de abordar cuestións tan duras nun momento tan doce da vida? Porén, eu vino como unha oportunidade de explicarlle á miña filla, por exemplo, os estragos do amor romántico.

Queiramos ou non, a violencia está presente no noso mundo. Como persoas de referencia de crianzas, gostaríamos de mantelas nunha bolla allea a esa realidade. Sería moito máis cómodo, mais non necesariamente mellor para elas. O debate é recorrente. Abrolla en parques e en centros educativos, chega mesmo a afectar a profesionais das artes escénicas, atacadas por familias que consideran impropios os contidos dos seus espectáculos. Son as vítimas colaterais destoutro pin parental, aquel que non ten problema ningún en expor as súas fillas a innúmeras horas de televisión e videoxogos. Moito mellor nos sería acompañar as crianzas no seu descubrimento deste mundo violento. Ensinarlles a detectar as violencias máis perigosas, aquelas que non se ven e contribúen a sustentar unha orde inxusta das cousas. A distinguir os abusos de poder da resistencia das febles, que ás veces fai uso da forza. Hai máis violencia nalgunha publicidade de xoguetes que reproduce estereotipos sexistas, do que en moitas pezas de teatro de cachaporra. Mais esa, a dos anuncios, non incomoda.

Comentarios