Opinión

Tómbola electoral

Xa está aquí o verán, tempo de luz e calor, coa súa nova normalidade e a campaña máis insólita que nunca vimos. O partido no poder aproveita a imposibilidade de organizar actos multitudinarios para monopolizar as mensaxes en medios públicos e privados subvencionados. Confundimos Feixóo co presentador do telexornal, de tantos minutos que sae en pantalla. Cada día anuncia unha nova medida para aplacar as consecuencias da pandemia. E daquela xa non semella o presentador do “parte”, mas o animador dunha tómbola que canta as marabillas dun estupendo agasallo.

Unha destas medidas é un bono coidados “especial Coronavirus”, encamiñado a atallar a situación na que se viron moitas familias a raíz do peche das escolas. Consiste nunha axuda de 500 euros ao mes para axudar a pagar os servizos dunha persoa coidadora ou a compensar a míngua de ingresos ocasionada por unha redución de xornada ou excedencia solicitada a raíz do estado de alarma. En efecto, e como denuncia o colectivo Materfem, o confinamento carrexou un agravamento da fenda de xénero e das distintas formas de violencia machista, desde mulleres confinadas co seu maltratador, despidos laborais encubertos ou o mesmo ataque nas redes contra o movemento feminista. Tamén o teletraballo, imposto sen perspectiva de xénero, ocasionou unha sobrecarga de traballo para todas as mais, que ficaron sen tempo para o propio descanso. Esta situación non se resolve cun bono que non chega para pagar en condicións dignas unha coidadora a xornada completa, nin pode ser aplicado de xeito retroactivo na maioría dos casos. Un bono moi restritivo que deixa fóra moitas situacións laborais e vitais.

De novo, os bonos electoralistas do señor Feixóo evitan pór sobre a mesa políticas que valoricen os coidados, a maternidade e a educación, e que non se poden reducir á extensión de cheques ou agasallos máis enfocados ao mercado que á vida, meros parches para anunciar na tómbola na que converte cada cita electoral.

Comentarios