Opinión

Tornar visíbel o imprescindíbel

Este ano non fixen greve o 8 de marzo. Teño un bebé demasiado pequeno para pasar un día sen peito, fonte nutricia e de afecto. Pódese dicir que me tocaron servizos mínimos. Mais é posíbel que a greve non sexa o instrumento para facer visíbel o imprescindíbel. O movemento feminista, á vangarda en tantas cousas, puxo sobre a mesa o debate. Tras dous anos de éxito de greve laboral, de consumo e coidados, este ano toca reflexionarmos sobre os resultados.  Nos dous anos anteriores, o paro pretendía xerar un conflito que amosase o que pasa cando deixamos de desempeñar as tarefas reprodutivas. Apelábase aos homes a asumir os traballos que cotidianamente son asumidos por mulleres, como o coidado das crianzas e das dependentes, alén das tarefas domésticas que, esas si, poden ficar para  outro día. Isto semellaba dar por feito que todas as unidades familiares están compostas por algún home, o que non sempre se cumpre.  O debate é antigo. Como conta Silvia Federici, a reivindicación dun salario polo traballo doméstico durante os anos 1970 non contribuíu a mellorar as cousas . Ao incorporar os coidados ao mercado acentuouse a situación de explotación das mulleres máis precarizadas, como as racializadas, as inmigrantes ou as labregas. Do mesmo xeito que o salario, a greve é unha ferramenta propia do ámbito produtivo , e non funciona ben para reivindicar a vida. Nin o mercado  nos vai libertar  nin a greve vai permitir situar os coidados no centro. Hai coidados que non poden agardar nin un día, pois afectan as máis vulnerábeis. Por iso, o feminismo  anda a pensar outras fórmulas, que pasen pola colectivización dos coidados, o artellamento de redes de apoio, de madeixas de afectos que demostren que coidar non é o sino das mulleres, mais o de toda a humanidade.

Comentarios