Opinión

Solidarias no illamento

A corentena, para quen temos o privilexio de ter que ficar confinadas en confortabeis fogares con auga corrente, calefacción e acceso a internet, pode resultar aborrecida. Dá para ollarmos pola xanela e entreternos a contar os vehículos que pasan, ou as viandantes que de cando en cando pasean un can pola rúa. A nosa única ligazón co exterior son as redes sociais e os medios de comunicación, que non falan doutra cousa que do COVID19. Perante o illamento, as redes sociais fornecen un simulacro de contacto humano, e así, recibimos e enviamos centos de mensaxes nos múltiples grupos dos que formamos parte, compartillamos brincadeiras arredor do consumo compulsivo de papel hixiénico ou informacións reiterativas sobre a natureza do virus e as medidas a adoptar. As redes substitúen durante estes días, vicariamente, a conversa de café. A algunhas persoas isto non lles abonda, e procuran rachar o illamento sen violar as restricións, artellando fórmulas nas que se tenta tecer redes solidarias con aquelas persoas menos privilexiadas para as que a actual situación supón unha serie de dificultades engadidas. Persoas que, pola súa situación de saúde previa, non poden saír mercar os produtos básicos, que viven soas e sen acceso a redes sociais, que carecen de recursos económicos para ir mercar. En Compostela estanse a formar grupos nos distintos bairros, que ofrecen ás veciñas que así o requiren axuda para facer algún recado ou conversa a través das ventás. Non é que antes non o precisaran, mais a actual situación complicou aínda máis a súa situación de abandono. Nas cidades esa situación de vulnerabilidade é moito máis aguda que no rural, onde aínda perviven as redes de solidariedade propias dunha cultura comunitaria. Se algo destapou esta crise é a fraxilidade do noso aparente benestar. Os gastos en servizos sociais, tan minguados nos últimos anos, terían que multiplicarse a raíz desta crise. Haberá que estar alerta para que así sexa.

Comentarios