Opinión

A Semente das mil primaveras máis

Antes de ser nai tiña claro que se algún día o era escolarizaría as miñas fillas na Semente. Non quería que as miñas fillas experimentasen a diglosia, o sentimento de inferioridade por falar unha lingua de menor valía no seu grupo de iguais, que eu padecín e que tanto me custou superar na adolescencia.

Cando tiven a miña filla descubrín que a Semente era moito máis que unha escola de inmersión lingüística. Alén da aposta por este modelo -o mesmo que tentara implementar o Bipartito coa rede de Galescolas- como a única vía posíbel para manter a nosa lingua viva, a Semente é unha escola respeitosa cos ritmos de cada crianza, que aposta por un ensino achegado á natureza, feminista e non competitivo. Onde as familias somos unha continuación da escola, porque nós tamén facemos parte do proceso de ensino-aprendizaxe. Desde que a miña filla vai a Semente, non hai día que non aprenda algo dela. Aprendo a coidar a miña lingua, redescubrindo termos esquecidos que son tesouros que trae gardados na súa boquiña. Aprendo que unha escola é moito máis que un lugar onde deixar aparcadas as crianzas mentres imos traballar. As escolas Semente son un proxecto desde a base, un proxecto de país que non deixou de medrar, paseniño, desde a aparición da primeira en Compostela en 2011.

Agora a Semente de Compostela vai dar un paso máis, coa adquisición e reforma dun novo local para acoller o alumnado de infantil e primaria deste curso e do que virá. É un paso crítico que só será posíbel co apoio de persoas que defenden un novo modelo de ensino para este país. Das que cren no ensino público de calidade, mais son conscientes das eivas do actual modelo burocrático e castelanizador. Das que confían que entre todas, xuntando moitas pingas, podemos mudar as cousas. Fagámolo posíbel. Apoiemos o #ProjetoMoas.

Comentarios